Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desarticulado un grupo dedicado á estafa do fillo tras a denuncia dunha vítima de Cambre

Desarticulado un grupo dedicado á estafa do fillo tras a denuncia dunha vítima de Cambre

A vítima realizou transferencias por un valor total de 4.990 euros

A Garda Civil investigou dúas persoas e identificou o responsable da captación de colaboradores e a xestión do diñeiro 

Garda Civil / Ministerio do Interior Garda Civil / Ministerio do Interior
G24.gal 08/07/2025 11:00

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal asentado en Hellín (Albacete) dedicado á comisión de estafas a través do método do fillo en apertos por mor da denuncia dunha vítima veciña do municipio coruñés de Cambre.

A vítima, enganada a través dunha mensaxe de WhatsApp que simulaba ser da súa filla, realizou transferencias por un valor total de 4.990 euros, crendo que axudaba o seu descendente nunha situación de urxencia.

Segundo informou a Garda Civil, a operación, denominada GUROS, culminou coa investigación de dúas persoas e a identificación do xefe do grupo, responsable da captación de colaboradores e a xestión do diñeiro estafado.

A investigación foi iniciada polo Equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña, en colaboración cos axentes de Albacete, tras ter coñecemento da denuncia.

O grupo criminal estaba integrado por polo menos tes individuos. Dous deles, residentes en Hellín (Albacete) de 24 e 26 anos, actuaban como mulas do diñeiro recibindo as transferencias das vítimas.

O terceiro implicado, de 26 anos e residente en Valencia e anteriormente en Hellín, foi identificado como captador e organizador da trama. Tanto un dos homes que recibía o diñeiro como o captador contaban con antecedentes delituosos por feitos similares.

Grazas ás pescudas, a Garda Civil logrou identificar os receptores das transferencias e, posteriomente, o cerebro da organización, que dirixía as operacións e era o beneficiario final do diñeiro estafado.

As dilixencias instruídas pola Garda Civil, xunto cos investigados, foron postas ao dispor dos Xulgados de Garda da Coruña e Hellín (Albacete), lugares en que se procedeu á detención dos implicados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade