Investigan o incendio nunha nave en Cambados, onde se queimaban quilos de cable de cobre
Coáronse nunha fábrica abandonada en Castrelo, regaron o cable con líquido acelerante e plantáronlle lume para quitarlle o recubrimento plástico
Queimaron varios quilos de cable groso, presuntamente roubado
O incendio declarouse nas ruínas dunha antiga fábrica de tellas no lugar de Couto de Abaixo, en Cambados. Calculan os veciños que as instalacións levan polo menos trinta anos abandonadas, así que axiña deron a voz de alarma cando -a plena luz do día- viron saír fume dunha das naves.
Os primeiros en chegar xa viron que algo ardía con intensidade nun dos antigos foxos da fábrica. Foi contra a unha da tarde. Mobilizáronse os bombeiros do parque de Ribadumia, a Garda Civil e a Policía Local de Cambados.
A extinción foi rápida, e a sorpresa foi descubrir que o que se queimara eran quilos e quilos de cable de cobre. Botáranlle algún acelerante para que prenderan ben, e plantáronlles lume para -supostamente- derreter o recubrimento plástico e deixar o cable limpo. É un modus operandi habitual para cobrar máis por el no mercado negro.
Ninguén viu nada sospeitoso, pero temen que aínda merodeen pola zona os responsables. Porque saben que volveron entrar no recinto: falta cable, e parte está fóra do foxo en que o queimaron, así que pensan que os que o fixeron están decididos a levalo. E cren que os que entran e saen coñécena ben, porque foron directos ao foxo para queimar o cable. A investigación segue aberta e a vixilancia da zona activa.