Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece atropelado en Verea un home de 89 anos

Falece atropelado en Verea un home de 89 anos

A vítima, veciño da localidade, cruzou por un lugar non habilitado cando aínda non saíra o sol, sen levar chaleco reflector

G24.gal 10/09/2025 09:24 Última actualización 10/09/2025 14:00

Unha persoa morreu este mércores tras sufrir un atropelo na localidade ourensá de Verea. As marcas do equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico indican o lugar onde sucedeu o atropelo. No medio da calzada, en sentido Ourense, a dirección en que circulaba o turismo. Foi á saída dunha curva e nunha zona sen iluminar, ás seis da mañá, cando faltaban dúas horas para o amencer.

"Produciuse nesta estrada, a OU-540, á altura do quilómetro 30, nun treito lixeiramente curvo. As circunstancias do accidente aínda están en investigación", explica Eloy Silvariño Mallón, tenente da Garda Civil de Tráfico de Ourense,

A vítima foi Antonio, un home de 89 anos, veciño de Laioso, a un quilómetro do lugar do atropelo. Ía descalzo, sen chaleco reflector, e acompañado polo seu can. Segundo confirma a Garda Civil, estaba atravesando a estrada, por unha zona indebida.

"Eu o que non me esperaba é que fora o home a pé por alí abaixo. Eu sentín ladrar os meus cans algo antes, sobre as seis, pero podía ser o xabaril ou outra cousa. Non pensei que fora unha persoa a pé por alí abaixo", explica un home que vive ao pé da estrada, moi preto do lugar do accidente.

Os veciños da zona, no concello de Verea, espertaron con esta tráxica noticia. Antonio era viúvo e vivía só, pero tiña unha coidadora durante o día. Ninguén se explica que facía a esas horas na estrada. 

"Sairía despistado a esa hora porque, onde ía ir ás seis e media da mañá?". "Vivía el só. Tiña unha axudanta". "Esa mañá levantaríase á hora que lle cadrou, deulle por saír, e mira". "O can sairía con el. Non sabía onde ía. A esa hora non se ve nada. Tivo a mala sorte de que pasara un coche nese momento. Para a rapaza tamén será un trago duro", comentan os veciños.

A condutora do turismo, que se dirixía ao seu traballo, foi trasladada en ambulancia polo estado de nerviosismo en que se atopaba. Deu negativo nos controis de alcol e drogas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade