Desartellan un clan que vendía cocaína nunha casa ocupada en Lugo
Dous detidos de 20 anos na operación, que continúa aberta
Unha redada contra o tráfico de droga desenvolvida en Lugo acabou coa detención de dous mozos que presuntamente vendían cocaína nunha casa ocupada no barrio da Milagrosa. A operación contra este clan familiar levouse a cabo coa participación cidadá, xa que os movementos sospeitosos polo inmoble fixeron que os veciños alertasen a policía.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Dábanse conta de que había un deambular permanente de persoas con aspecto de toxicómanas. Alertaron a comisaría e déuselle pulo a unha investigación xa agromada, posto que se sospeitaba do uso das casas ocupadas como narcopisos".
Os detidos, ambos de 20 anos e un deles con antecedentes, eran supostamente os líderes do clan. Unha vez desartellada esta banda, a operación continúa aberta e a policía segue investigando outras casas ocupadas de xeito ilegal no mesmo barrio.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Desartellouse o punto e fixéronse varias intervencións de substancias estupefacientes. Non queda pechada a operación, senón que se segue comprobando que non haxa máis vivendas ocupadas co mesmo fin".
Tras pasaren á disposición da Xustiza, os detidos foron postos en liberdade con cargos.