Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellan o supercártel da coca europeo que operaba en España e dirixían desde Dubai

Desartellan o supercártel da coca europeo que operaba en España e dirixían desde Dubai

Hai trece detidos en España e seis no emirato, considerados como "señores da droga" que vivían no Golfo Pérsico, onde se consideraban "intocables"

Os investigadores atribúenlle a esta rede a responsabilidade da importanción de un de cada tres quilos de cocaína que entraba en Europa

G24.gal 28/11/2022 11:20

Un operativo mundial coordinado pola Europol, no que participou a Garda Civil, desmantelou o supercártel europeo da cocaína, con 49 detidos en varios países, trece en España, entre os que se atopan os capos que desde Dubai dirixían as operacións de narcotráfico entre Suramérica e Europa.

Os axentes comisaron máis de trinta toneladas de cocaína en diversos portos europeos, e estímase que esta grande organización estaba detrás dun terzo do mercado total desta droga en Europa.

En Dubai foron arrestados seis membros da organización coñecidos como os "señores da droga", que estaban asentados neste emirato desde hai anos.

En España, baixo a denominación de Operación Faukas, foron detidas trece persoas, delas nove españolas, e leváronse a cabo máis dunha vintena de rexistros en domicilios e empresas nas provincias de Málaga, Madrid e Barcelona.

Aos seis detidos en Dubai e trece en España, hai que sumar outros trinta arrestos en Francia, Bélxica e Países Baixos.

A organización establecera a súa base nestes países coincidindo coa localización dos portos europeos máis importantes, considerados como a principal porta de entrada de estupefacientes a Europa.

A Garda Civil cualifica este operativo como un "fito histórico" na loita contra o narcotráfico global e un feito sen precedentes, coa actuación levada a cabo en Dubai, onde se refuxiaban os seis "señores da droga" do cártel detidos,e desde onde dirixían as diferentes células coa convicción de estaren nun santuario onde se sentían intocables e levaban un alto nivel de vida.

A operación desenvolveuse entre os pasados días 8 e 19, e en España levouna a cabo o Grupo Central Antidrogas da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, que realizou actuacións simultáneas en Málaga, Madrid e Barcelona.

A operación Faukas iniciouse coa aprehensión dun contedor no porto de Valencia en marzo de 2020 mediante o que a organización pretendía introducir 698 quilos de cocaína.

Este feito deu lugar a un amplo intercambio de información con numerosas axencias policiais doutros países que deu os seus froitos ao lograrse a identificación dos responsables da introdución do contedor, procedente de Panamá.

Comprobouse que se estableceu en España unha rede que introducía contedores con cocaína a través dos portos de Barcelona, Valencia e Alxeciras e que conformara unha complexa armazón societaria de investimentos inmobiliarios na zona da Costa do Sol para branquear os beneficios obtidos co narcotráfico.

Os axentes identificaron o líder desta rede, un cidadán británico vinculado á Costa do Sol, que tivo que abandonar España cando tentaron secuestralo e que se trasladou a Dubai, desde onde seguía dirixindo as actividades delituosas e mantiña contactos e negocios de narcotráfico co resto de "señores da droga" afincados no emirato.

Igualmente identificaron o provedor da droga, un cidadán panameño tamén afincado en Dubai, presunto responsable da introdución da cocaína no porto de Manzanillo de Panamá que igualmente mantiña contacto co resto de capos no emirato.

A rede dispoñía en España de dúas estruturas: a encargada da extracción da droga nos portos marítimos comerciais e outra para o branqueo de capitais a través de sociedades.

A primeira estaba situada nas provincias de Barcelona e Málaga, cunha influencia directa no porto barcelonés, e estaba conformada por dous cidadáns búlgaros e tres persoas españolas, unha delas traballadora da instalación portuaria, responsable da entrada e saída de vehículos.

A outra estrutura estaba composta por persoas de gran confianza do líder da rede e situábase na Costa do Sol, desde onde adquiriron bens, inmobles e participacións empresariais por valor de 24 millóns de euros para branquear o diñeiro da droga.

Nos rexistros foron atopados máis de medio millón de euros en efectivo, tres armas curtas e artigos de luxo como vehículos de alta gama, algúns con prezos próximos aos 300.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade