Desaloxan un edificio no centro de Ourense por un incendio
O lume comezou no salón do sexto piso dun edificio da rúa A Habana e propagouse moi rápido ao resto da vivenda
No incendio faleceu un can, e o seu coidador tivo que ser atendido polos sanitarios pero saíu ileso
En Ourense, un incendio dunha vivenda no centro, en que faleceu un can e o seu coidador, quedou ferido, espertou esta madrugada os veciños da rúa A Habana. O edificio tivo que ser desaloxado ata que os bombeiros apagaran o lume. O incendio, iniciado no salón da vivenda, propagouse moi rápido ao resto da casa pola virulencia das lapas.
Pasaban uns minutos da unha da mañá cando as lapas comezaron a devorar o salón do sexto piso dun edificio da rúa A Habana número 63. Unhas explosións no interior da vivenda alertaron os veciños.
Vivíronse minutos de nerviosismo e pánico pola virulencia do lume e cando chegaron os bombeiros os veciños do edificio afectado xa foran desaloxados.
"Foi moi violento", di un veciño, describindo o que aconteceu esta madrugada. "As lapas puideron alcanzar os dous metros", engade.
O xefe do Servizo de Bombeiros de Ourense, José Ramón Sánchez, explica que cando chegou a dotación de bombeiros "estaba practicamente desaloxándose todo o edificio por parte dos medios alí desprazados, Policía Nacional e Policía Local". Si foran advertidos de que quedaba unha persoa na vivenda que estaba arder, "a porta estaba pechada e tivemos que rompela para acceder. O home estaba no fondo, contra o patio de luces".
O home de 41 anos foi atendido polos sanitarios da ambulancia medicalizada que se achegou ao lugar. Con todo, ao estar no balcón non inhalou fume nin se viu afectado polo lume que si provocou o falecemento da súa mascota. "A persoa que estaba dentro da vivenda dixo que puido quedarlle un cigarro prendido, pero non o sabemos exactamente", apunta José Ramón Sánchez.
O lume iniciouse no salón e propagouse rapidamente ao resto da vivenda que quedou moi afectada. Tamén o piso inferior quedou inundado ao ceder o chan e outras vivendas do edificio víronse afectadas polo fume e polos cascallos da fachada posterior que caeron nas terrazas. A Policía Científica segue investigando para esclarecer as causas do incendio.