Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian problemas de seguridade nun colexio do Carballiño

Denuncian problemas de seguridade nun colexio do Carballiño

Pais e profesores do Colexio das Franciscanas do Carballiño levan 15 anos reclamando que os postos da feira deixen libres as entradas e saídas do centro, por se hai unha emerxencia

Para darlle visibilidade á súa demanda, hoxe organizaron un simulacro de evacuación, coincidindo co día de feira

G24.gal 16/10/2024 14:22

"Todos os anos facemos un simulacro de evacuación completa do edificio para practicar se hai unha emerxencia real. Este ano facémolo en día de feira porque queremos comprobar se os medios de emerxencia poden acceder con facilidade ao noso centro", explica Vanesa Fernández, responsable de Prevención de Riscos do colexio.

"As entradas do colexio, tanto a principal como a de infantil, quedan bloqueadas polos postos dos feirantes. Non lles botamos a culpa a eles, só queremos que o Concello cambie a localización", engade Paula Fernández, nai dun dos escolares.

Irene González, membro da AMPA: "Levamos moitos anos reclamando que a localización da feira non é bo sitio para o colexio. A ver como funciona o simulacro".

Ás doce en punto arrinca o simulacro. Nin estudantes nin profesores están ao tanto. Ten que semellar real para avaliar o resultado. 280 alumnos, máis os profesores e demais persoal, abandonan o centro por dúas partes, para concentrárense no punto de encontro.

"Hoxe non hai moita afluencia de xente porque chove, pero vemos que os cativos teñen que ir esquivando a xente", observa Paula.

Vinte minutos despois, chegan os bombeiros. O acceso ata a praza onde está o colexio non foi sinxelo.

Jhonatan Domínguez, bombeiro do Carballiño "Tivemos algunha dificultade, cun furgón de repartimento, por exemplo, que nos estaba bloqueando o paso. E aquí na entrada, este camión é pequeno e puidemos entrar, pero hai postos que non deixan entrar un camión destas características".

"Non queremos prexudicar os feirantes, pero se pasa algo grave, podemos chorar...", conclúe Irene.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos