Denuncian o perigo dunha fonte contra a que baten os coches en Ourense
Os veciños de Untes, unha parroquia de Ourense, piden protección para unha fonte pública contra a que non paran de bater os coches
Aseguran que xa sufriu, polo menos, media ducia de arremetidas
Instalada no ano 1998, a fonte da asociación de veciños Santo Estevo de Untes non levou boa vida. Está pegada á vía do tren, no cabo dunha praciña e adéntrase no camiño asfaltado, o que a converte en branco dos vehículos, camións sobre todo, que manobran marcha atrás.
"Veñen os coches e dan aí a volta e desfán todo. Puxeron a raia amarela, pero coma se non a puxeran".
"Un foi o do lixo, arrimou para atrás e tirou con ela. E despois outro que andaba aí traballando, tamén a chimpou. E outro camión máis", contan os veciños.
O peor, din, son os que marchan sen avisar.
"Debe estar nun punto non visible para os seus espellos e xa van unhas cantas veces que a tiran. O que pasa é que normalmente non avisan. Unha das veces quedou bastante mal. É perigoso. Nós valámola para que non se achegase a xente", lamenta unha veciña.
Ao estar situada ao pé do cemiterio e da igrexa parroquial, esta fonte abastece os veciños que van levar flores, pero agora está sen auga. Tamén teñen unha billa, pero está vandalizada. Piden medidas de protección para evitar novos accidentes.
"Hai que lle poñer uns ferros arredor, para que os camións paren e non a chimpen", reclama un veciño.
Agardan que se tomen medidas antes de que volva caer.