Denuncian dous casos de abuso sexual na Coruña e outro en Vigo no San Xoán
O suceso en Vigo produciuse na praia de Samil, onde dous mozos supostamente lles deron a dúas rapazas bebidas con algún tipo de substancia narcótica

A policía detivo na Coruña dous homes como supostos autores de dous casos de abusos sexuais denunciados durante as celebracións da noite de San Xoán. Segundo as autoridades coruñesas, nos dous casos non se produciu agresión física.
A cidade estreaba nestas festas tres puntos violeta para atención contra a violencia de xénero.
En Vigo, a Policía Local recibiu aviso doutro caso, neste caso na praia de Samil. Segundo o relato das dúas vítimas, uns mozos ofrecéronlles bebida, pouco despois empezaron a sentirse mal. Sospéitase que lles puideron botar algún tipo de substancia.
Cando menos unha das mozas sufriu tocamentos, e foi asistida por persoas que pasaban pola zona ao ver que se resistía. Nese momento os supostos agresores fuxiron.
Unha ambulancia acudiu ao lugar e atendeu as dúas rapazas.