Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian danos nos camiños forestais de Camariñas por mor dos traballos das empresas madeireiras

Denuncian danos nos camiños forestais de Camariñas por mor dos traballos das empresas madeireiras

Presentaron un borrador de ordenanza municipal para obrigar as empresas a restituír eses camiños ao seu estado orixinal

Levan anos sufrindo este problema

G24.gal 26/05/2025 11:44

Os traballos de corta e transporte de madeira en montes de Camariñas están a causar queixas entre os propietarios.

"Temos un problema cos camiños en xeral. Tivemos un compromiso coa Xunta, que nos limpou case todos os camiños veciñais e agora os madeireiros desfannos os camiños todos", explica Manuel Romar, vicepresidente da Asociación A Croa.

"Veñen cortar os piñeiros en pleno inverno, os camiños están brandos e cos tractores grandes que teñen desfán os camiños enteiros", comenta Armindo Canosa, vogal da Asociación A Croa.

Camiños que antes eran transitables e que agora quedaron cheos de lama, con rodadas profundas e treitos intransitables. Os propietarios din que non están en contra do aproveitamento forestal, pero esíxenlles ás empresas madeireiras que restauren os camiños e os deixen como antes de comezar a cortar os montes.

"Este problema xa vén de anos atrás", engade Romar.

 "Cabe destacar que o pequeno madeireiro é unha peza fundamental no sector forestal galego porque conecta o pequeno minifundio e as propiedades con pouca madeira coa industria", di Alejandro Álvarez, enxeñeiro forestal da Asociación A Croa.

"De nada vale que a nós nos quiten a madeira dos montes se nos desfán os camiños", manifesta o vicepresidente da Asociación A Croa.

Así que para tratar de dar cunha solución, desde a asociación presentaron por rexistro un borrador de ordenanza municipal.

"O punto clave desa ordenanza é: regular o uso dos camiños públicos para obter a xestión sostible dos montes. E hai que ter en conta que está feita desde o punto de vista dos propietarios dos montes privados e, en función da cantidade de madeira que se saque, depositarase unha fianza", conta Álvarez.

Polo momento están á espera de que se aprobe no próximo pleno municipal. Con todo, amósanse optimistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade