Publicador de contidos

Publicador de contidos

SAIC asegura que Galicia cumpre con todos os requisitos para a factoría de MG

SAIC asegura que Galicia cumpre con todos os requisitos para a factoría de MG

O emprazamento, a man de obra e o acceso a provedores son algúns dos puntos que destaca a multinacional chinesa

Ferrol declara o proxecto de SAIC Motor de interese municipal estratéxico

O Clúster de Empresas de Automoción espera que cree novas oportunidades para a cadea de valor galega

O sector do metal cre que a implantación de SAIC en Ferrol "marca un fito para o futuro industrial de Galicia"

G24.gal 02/06/2026 14:29 Última actualización 02/06/2026 18:36

A man de obra cualificada, os provedores especializados e un porto dende o que operar a loxística foron as claves que decantaron a chinesa SAIC por Galicia como centro da súa produción de coches eléctricos en Europa.

"Ten acceso a man de obra cualificada, ten unha rede de provedores previamente establecidos con perfecta capacitación, ten acceso a portos como o do Ferrol que permite a descarga de buques roll on roll off", sinala José Antonio Galve.

O director de márketing de MG para España e Portugal explica que "unha vez que superas a barreira dos 300.000 coches vendidos en Europa xa ten sentido ter unha fábrica local, por iso vai ser a fábrica de Galicia. Para nós é fundamental o concepto de feito en Europa para os europeos".

"Non sabemos se serán nas Pontes os seguintes subaccesos loxistícos do centro MG en Europa, pero o que si está claro é que o centro vai ser o Porto de Ferrol. Teñen que ser modelos de novas enerxías, eléctricos, hibridos enchufables", salienta Galve.

Será a finais do ano 28 cando saian da fábrica de Ferrol os primeiros coches da nova factoría de MG. O voceiro da empresa destaca a colaboración entre administracións para axilizar o proceso.

"Institución rexional, Galicia, Goberno central e SAIC, ese ton positivo, esa transparencia de ideas é o que fixo que chegue a bo porto este proxecto".

O Clúster de Empresas de Automoción espera que cree novas oportunidades para a cadea de valor galega

O Clúster de Empresas de Automoción e Movilidad de Galicia (Ceaga) celebrou a implantación da factoría do xigante automobilístico chinés SAIC en Ferrol e reclamou oportunidades para a cadea de subministración galega.

Nun comunicado, a organización subliñou que esta noticia é unha decisión industrial de "relevancia estratéxica" para Galicia e xera unha oportunidade para consolidar á Comunidade como un dos principais polos europeos de automoción e mobilidade.

"A chegada dun novo fabricante vai crear máis actividade económica, emprego cualificado e novas oportunidades de negocio para o conxunto da cadea de valor da automoción", reivindicou Ceaga, indicando que o proxecto podería ter un "efecto tractor" sobre o tecido industrial e tecnolóxico galego se alcanza os volumes de produción previstos.

"Desde Ceaga consideramos fundamental, e así o fixemos saber, que este investimento xere oportunidades reais para a cadea de subministración galega e que as empresas do noso ecosistema poidan participar en ámbitos como compoñentes, enxeñería, automatización, mantemento, loxística, dixitalización e servizos industriais avanzados. Seguimos insistindo na competencia xusta e con contido local para non perder competitividade no noso país", engadiu a entidade, que puxo en valor as fortalezas das empresas de Galicia.

A organización considerou que esta decisión "volve demostrar a importancia da colaboración público-privada" e do traballo coordinado desenvolvido durante anos para reforzar o posicionamento internacional de Galicia como territorio industrial e tecnolóxico.

O sector do metal cre que a implantación de SAIC en Ferrol "marca un fito para o futuro industrial de Galicia"

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) subliñou que a implantación dunha fábrica do grupo automobilístico chinés SAIC en Ferrol "marca un fito para o futuro industrial de Galicia".

Nun comunicado, Asime indicou que este proxecto representa un investimento "estratéxico" nun momento "clave" de transformación para o sector automobilístico.

Con todo, os empresarios do metal piden que se aborde esta iniciativa cunha visión "global" do territorio.

"A chegada de novas industrias debe integrarse cos sectores xa consolidados, non competir con eles, polo que o reto non é elixir entre uns sectores ou outros, senón lograr que todos convivan de maneira ordenada, complementaria e sostible, evitando tensións sobre o uso do solo industrial, as infraestruturas ou o talento dispoñible", engadiu Asime.

Neste contexto, considera "fundamental" planificar o crecemento industrial de maneira eficiente, garantindo un uso axeitado destes recursos para asegurar un desenvolvemento equilibrado e a longo prazo.

"Desde Asime consideramos que, se se desenvolve baixo este enfoque, o investimento contribuirá a reforzar o posicionamento de Galicia na automoción europea, ao tempo que impulsará un modelo industrial máis sólido e competitivo, favorecendo a reactivación económica de Ferrolterra, a xeración de emprego e o fortalecemento da súa base industrial", sentenciou a asociación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar