Deixa o seu emprego para dedicarse á apicultura e agora triunfa coas súas 600 colmeas
Un veciño de Castroverde que traballou toda a vida como comercial decidiu cambiar de ocupación para vivir exclusivamente das abellas
Víctor Millares foi comercial de hostalería toda a vida ata que descubriu a súa verdadeira vocación, as abellas. Comezou facendo cursos de apicultura como afección, e aos 36 anos decidiu deixar o seu traballo para dedicarse por completo á apicultura.
"Engancheime ao mundo das abellas e de aí empecei pouco a pouco a meter máis colmeas. Un día decidín dedicarme exclusivamente ao mundo da apicultura, e fun aumentando a explotación ata chegar a un número importante", conta Víctor.
E mal non lle foi, senón todo o contrario. Este veciño de Montecubeiro, en Castroverde, ten actualmente 600 colmeas repartidas nunha ducia de apiarios. Ademais, as seus meles, de silva, de castiñeiro ou de mil flores, triunfan nas tendas gourmet pola súa calidade.
"Busco unhas contornas nas zonas apartadas do rural que sexan boas para as abellas, de boa produción. É dicir, que teñan unha boa floración. E o mel sobre todo tira a silva ou a castiñeiro. É bastante suave e moi doce, así que adoita gustar moito", explica o apicultor.
Os seus produtos, entre os que tamén figuran a cera ou o pole, dependendo do ano, poden atoparse polo momento en establecementos de Lugo e da Coruña. E tamén nas feiras do mel ás que se achega para dar a coñecer o froito do súa auténtica paixón.