O Goberno activa o rexistro obrigatorio de patinetes para poder contratar o seu seguro
A partir de agora, estes vehículos deberán inscribirse no Rexistro Nacional de Vehículos
O Consello de Ministros aprobou o Real Decreto que regula o funcionamento do Rexistro de Vehículos Persoais Lixeiros, un paso clave para facer efectiva a obriga de asegurar os vehículos de mobilidade persoal (VMP), ou patinetes eléctricos.
A partir de agora, estes vehículos deberán inscribirse no Rexistro Nacional de Vehículos que xestiona a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
A posta en marcha do rexistro dá cumprimento á disposición adicional primeira da Lei 5/2025, do 24 de xullo, que modificou a normativa sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor para incluír os VMP.
Aínda que a obriga de contar con seguro entrou en vigor o pasado 2 de xaneiro, a súa aplicación práctica estaba pendente da creación deste rexistro, considerado requisito indispensable para poder contratar a póliza obrigatoria.
Actualmente, máis de catro millóns de persoas contan con vehículos de mobilidade persoal.
Os propietarios, ou os titores legais no caso de menores, deberán realizar o trámite de inscrición unha vez habilitado o procedemento.
A xestión poderá facerse de forma telemática a través da sede electrónica da DXT, ou por teléfono a través do 060.
A nova normativa divide en dous os tipos de vehículos de mobilidade persoal VMP
-En primeiro lugar, os que contan con certificado de circulación.
Desde o 22 de xaneiro de 2024 só se poden comercializar estes modelos, que incorporan unha placa de marcaxe de fábrica única, permanente e lexible.
Para inscribilos será necesario achegar os datos da persoa titular, o número de certificado e o número de serie, ademais de aboar a taxa correspondente.
Unha vez completado o trámite, a DXT expedirá un certificado de inscrición dixital.
-Por outra banda, atópanse os VMP que non dispoñen de certificado de circulación.
Estes vehículos, que non cumpren os requisitos técnicos actuais e carecen de placa de marcaxe, poderán seguir circulando en réxime transitorio ata o 22 de xaneiro de 2027.
Non obstante, tamén deberán inscribirse no rexistro e contar co seguro obrigatorio.
Neste caso, abondará con achegar documentación básica como a factura, a ficha técnica ou unha fotografía do vehículo.
Unha vez obtido o certificado de inscrición, todos os VMP deberán portar unha etiqueta identificativa co número único asignado.
Esta etiqueta poderá adquirirse nun manipulador de placas habilitado e deberá colocarse no portaidentificador do vehículo ou, no caso dos non certificados, nun lugar visible.
Ademais da vía telemática, a inscrición poderá realizarse a través doutros canais, como axentes de seguros no momento de contratar a póliza ou xestores administrativos.
Modelo de etiqueta identificativa
A DXT traballa tamén para que, nos vindeiros meses, o rexistro poida efectuarse directamente no establecemento autorizado no momento de adquirir un novo VMP.
A normativa regula igualmente o cambio de titularidade e a baixa definitiva destes vehículos.
No primeiro caso, o trámite deberá realizarse nun prazo de trinta días.
No que respecta á baixa, deberá xestionarse nun centro autorizado de tratamento de vehículos, que comunicará electronicamente a destrución ao Rexistro Nacional de Vehículos.
O incumprimento da obriga de asegurar un VMP levará sancións económicas.
Carecer de seguro poderá ser sancionado con entre 202 e 610 euros, mentres que circular sen el suporá multas de entre 250 e 800 euros, en función de se o vehículo é considerado VMP ou vehículo a motor segundo a lei.