Ferida unha muller ao arder a carga dun patinete nunha vivenda da Coruña
Foi atendida no hospital por queimaduras leves nunha man e un pé
Unha muller resultou ferida con queimaduras ao arder unha carga dun patinete eléctrico nunha vivenda na Coruña.
Os bombeiros recibiron o aviso ás 4:20 horas da madrugada, cando se orixinou un incendio nun piso da rúa Barcelona.
Non estaba cargando. Estoupou a batería. Eu estaba durmindo e escoitei ao meu neto berrar... e aí como que estoupou algo", explica Marta Cecilia del Villar, unha das persoas que estaba dentro da vivenda.
Era a batería do patinete do seu neto que chegara de traballar había dúas horas. Meteuno no seu cuarto e por iso foi el quen alertou do que acontecía. A súa avoa rapidamente lle foi pedir axuda á veciña.
"Chamoume e pediume que avisara os bombeiros. Abrín a porta e xa estaba todo cheo de fume", di unha veciña.
Cando accederon ao interior, a familia xa fora evacuada pola Policía Nacional. No interior comprobaron que a orixe era unha batería dun patinete que estaba en proceso de carga.
#IntervencionCoruña
— BombeirosCoruña (@bombeiroscoruna) February 19, 2026
☎️ Incendio en vivenda.
⏲️ 04.20 h
📍 Rúa Barcelona, 23 #Coruña
🚒 3 dotacións
🚓 @Policia_Coruna @policia
🚑 @RtsuCoruna pic.twitter.com/FnHdkbU6Ul
Aínda que había poucas lapas, que foron extinguidas, o piso presentaba unha importante acumulación de fume, altamente tóxico, polo que foi necesario ventilalo.
Os residentes trasladáronse ao domicilio duns familiares, aínda que un dos afectados, unha muller, tivo que ir ao hospital por queimaduras nunha man e un pé, pero de pouca gravidade. Tras ser atendida das súas feridas, recibiu a alta médica. Pero do susto que levaron aínda non se recuperaron.
Á media mañá, a Policía Científica entraba na vivenda para recoller pegadas e poder esclarecer o que pasou.