Tráfico recomenda extremar a precaución; a neve seguirá condicionando as conexións coa meseta
A DXT subliña que afectará á circulación non só das vías comarcais, senón ás estradas de alta capacidade como a A-6 e a A-52
Hai aviso amarelo por neve na montaña de Ourense e Lugo
A previsión para este mércores en Galicia apunta que seguirá nevando. Segundo Meteogalicia, a partir desta madrugada, tanto o sur e a montaña de Ourense, como a montaña de Lugo, terán aviso amarelo por acumulacións de neve: serán de máis de 2 centímetros por encima dos 800 metros no sur da provincia ourensá, e superiores alos 10 centímetros por encima dos 1.000 metros.
Ante os efectos do temporal, a DXT recomenda extremar a precaución.
As precipitacións poden afectar á circulación non só das vías comarcais e locais, senón ás estradas de alta capacidade -autoestradas e autovías, tales como a A-6 (Madrid-A Coruña) e a A-52, desde Benavente a Ourense.
Ante esta situación, a DXT di que é imprescindible planificar viaxe e consultar o estado de vialidade das estradas antes de realizar desprazamentos. Lembra ademais que se se vai circular polas zonas onde hai previsión de nevaradas, hai que levar instalados pneumáticos de inverno, de todo tempo ou dispoñer de cadeas por se a súa utilización fose necesaria.
Tráfico lembra outro consello fundamental: se comeza a nevar, é imprescindible deixar libre o carril esquerdo para permitir o paso de vehículos de conservación de estradas e quitaneves.
Restricións
A neve que caeu este martes no interior de Galicia complicou e moito a circulación nalgunhas zonas. Na A-52 entre Zamora e Ourense prohibiuse o adiantamento para vehículos pesados no tramo entre Remesal e A Canda e no que vai das Vendas da Barreira a Ábedes; así como unha restrición de velocidade a 60 quilómetros por hora no tramo intermedio entre A Canda e As Vendas da Barreira.