O lume de Chandrexa chega a 3.000 hectáreas e en Verín desactívase o nivel 2
O lume prendeu este luns á mañá na parroquia de Mourazos, co incendio moi próximo ao lugar de Tamagos
O incendio de Chandrexa de Queixa alcanza as 3.000 hectáreas queimadas, o maior de todo o verán en Galicia

Desde este luns á mañá está activo un incendio forestal no concello de Verín, na parroquia de Mourazos, no que se solicitou elevar a situación 2 de emerxencia como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Tamagos.
A Consellería do Medio Rural desactivou a Situación 2 de emerxencia "ao non haber perigo para os núcleos de poboación da zona afectada".
Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 4 axentes, 3 brigadas, 2 motobombas, 1 pala, 3 helicópteros e 4 avións.
O maior incendio do verán en Galicia
Mentres tanto segue ardendo, aínda sen control, o incendio que se declarou o venres na parroquia de Requeixo, en Chandrexa de Queixa, e que xa calcinou 3.000 hectáreas, segundo as últimas estimacións de Medio Rural, o que o converte no maior de todo o verán en Galicia.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 12 técnicos, 40 axentes, 66 brigadas, 34 motobombas, 6 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 10 avións.
Tamén se incrementou a superficie queimada, ata as 180 hectáreas, no incendio da parroquia de Mormentelos, en Vilariño de Conso. Sen chegar a estar estabilizado, os responsables do servizo de extinción aseguran que evoluciona favorablemente.
Si se logrou dar por estabilizado esta madrugada o incendio iniciado o sábado á noite na parroquia de Castro de Escuadro, en Maceda, que segundo as últimas estimacións queimou unhas 400 hectáreas.
Na provincia da Coruña mantense estabilizado o de Monfero, na parroquia de Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume e queimou 5 hectáreas.
Na provincia de Lugo controlouse o da Fonsagrada, na parroquia de Monteseiro, que queimou 150 hectáreas desde este domingo, e na de Pontevedra atópase estabilizado o da Estrada, parroquia de Souto, con 20 hectáreas afectadas.