Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lume reduce a cinza unha nave de reciclaxe no polígono industrial de Vilalba

O lume reduce a cinza unha nave de reciclaxe no polígono industrial de Vilalba

As lapas afectaron as instalacións da empresa Ambigal 360 e non houbo feridos

No dispositivo de extinción participan bombeiros de cinco puntos da provincia de Lugo ademais doutros efectivos das forzas de seguridade e de medios forestais

G24.gal 13/04/2023 18:58 Última actualización 13/04/2023 22:15

Durante toda a noite, os servizos de emerxencia continuaron traballando e arrefriando a nave sinistrada, que quedou calcinada por completo. Unha investigación determinará as causas do incendio, que de momento se descoñecen. 

A empresa estaba pechada e non tiña actividade no momento do incendio. 

Os servizos de extinción tardaron horas en controlar o lume. O principal obxectivo era protexer dúas instalacións lindeiras á nave de reciclaxe, que ardeu.

Contra as seis da tarde a Axencia Galega de Emerxencias recibía un aviso dun veciño que viu saír fume do teito dunha das naves do polígono industrial das Sete Pontes da localidade luguesa de Vilalba. 

Ata alí foron os bombeiro de Vilalba, que pediron reforzos ao chegar e ver a situación da nave de reciclaxe. Desprazáronse ata alí bombeiros de Barreiros, Sarria, Eume e Lugo. Tamén hai efectivos da Garda Civil, da Policía Local e mesmo medios do distrito forestal da zona.

Tamén estiveron en prealerta as Urxencias Sanitarias de Galicia do 061 por se houbese que atender algún traballador.

Despois incorporáronse ao operativo os membros do GES de Monterroso e Friol-Palas. Ademais, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención da Axencia Galega de Emerxencias enviou un semirremolque con iluminación para colaborar cos medios mobilizados.

A carón hai unhas instalacións baleiras e algunhas informacións apuntan a que o lume xa se estendeu a unha segunda nave. Os equipos de extinción traballan arreo para sufocar as lapas e lograr arrefriar a zona. 

Varios coches xa foron retirados das inmediacións e dun concesionario próximo e moitos voluntarios estiveron tamén sacando rodas, palés e outros obxectos altamente inflamables do interior da nave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade