A torta de millo de Guitiriz reinventouse ata comercializar máis de 150.000 pezas
A festa de exaltación deste símbolo da gastronomía chairega celebrarase o domingo 1 de xuño
Fariña de millo, ovos, manteiga e azucre. Estes son os ingredientes orixinais da torta de millo de Guitiriz, que hoxe en día elaboran varias panaderías locais.
No establecemento máis antigo, dende hai preto de 70 anos engádenlle ademais un chisco de fariña de trigo e de limón, unha receita que o levou a liderar as vendas, con preto de 80.000 pezas comercializadas cada ano.
"Meu pai empezou a traballar polo ano 56 ou 57 no antigo local, que facía esquina, e de aí vén o seu nome. El empezou a facer a torta de millo cunha receita que antes se facía nalgunha casa, un doce de millo, que adaptou un pouco ao seu gusto", lembra o panadeiro Juan José Vázquez.
En conxunto, os panadeiros guitiricenses preparan anualmente máis de 150.000 unidades, que cada vez se distribúen máis lonxe. A torta de millo de Guitiriz ten ademais a súa propia festa de exaltación, que lle serve de escaparate ao produto.
"Está festa para nós supón resaltar as bondades da torta de millo, a súa calidade e dala a coñecer a quen non a coñeza. Invitamos a todo o mundo a coñecer a torta de millo e a vila", sinala Vázquez.
A Festa da Torta de Millo de Guitiriz celebrarase o vindeiro 1 de xuño.