Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG confirma a condena de 5 anos de prisión ao agresor de Rajoy por intentar matar un xornalista

O TSXG confirma a condena de 5 anos de prisión ao agresor de Rajoy por intentar matar un xornalista

O tribunal rexeita o recurso e avala a existencia de ánimo de matar e alevosía no ataque

Os feitos ocorreron na redacción de La Voz de Galicia en xullo de 2023

G24.gal 08/05/2025 17:57

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou a cinco anos de prisión e ao pago dunha multa de 1.620 euros ao home que entrou na redacción do xornal La Voz de Galicia en Pontevedra e intentou matar un xornalista. Trátase do mesmo mozo que en 2015 agredira ao entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

O tribunal considerouno autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, doutro de danos e dun terceiro de resistencia á autoridade.

Aplicou, en todos eles, a eximente incompleta de alteración psíquica e a atenuante de reparación do dano.

Recurso rexeitado e intención homicida confirmada

O TSXG rexeitou o recurso presentado polo condenado, que alegaba unha incorrecta valoración da proba en canto ao suposto ánimo de matar, pois aseguraba que só pretendía causar danos materiais nas instalacións do xornal.

Con todo, o tribunal galego destacou que a sentenza da Audiencia se basea nun amplo conxunto probatorio: as declaracións da vítima, dunha compañeira, de axentes da Policía Nacional, de peritos forenses e de médicos, así como do propio acusado.

Estes elementos permitiron reconstruír a secuencia dos feitos.

O alto tribunal lembra que para cualificar os feitos como tentativa de asasinato non é necesario dolo directo, senón que abonda con dolo eventual: que o autor sexa consciente de que a súa conduta pode causar a morte e asuma ese risco.

Avalía alevosa e ataque sorpresivo

Respecto da concorrencia de alevosía, o TSXG considera evidente que se tratou dun ataque sorpresivo. Segundo a sentenza, o acusado entrou nas oficinas e, cando a vítima saíu da súa zona de traballo ao escoitar ruído, foi agredida de inmediato sen mediar palabra nin relación previa.

O agresor díxolle que ía matalo e golpeouno cun rodete e despois cun coitelo, sen interrupcións. A vítima só puido intentar defenderse dos golpes.

Os feitos ocorreron o 14 de xullo de 2023.

A sentenza non é firme, xa que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade