Declarada a prealerta por seca nas concas do Miño, Sil e Cabe
Os caudais destes ríos están nun 45 % por baixo dos habituais para o mes de xullo
As precipitacións recollidas nos últimos cinco meses foron inferiores ás habituais, uns 180 l/m², o que representa un 49 % menos ca a media do período marzo-xullo
A Xunta mantén a prealerta por seca en 32 concellos da Coruña e de Pontevedra
O río Cabe ao seu paso por Monforte (TVG)
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) reuniu este luns a Oficina Técnica da Seca (OTS), tras o que resolveron declarar a prealerta -nivel amarelo- por seca nas concas dos ríos Miño, Sil e Cabe.
Tal e como expoñen nunha nota de prensa, declarouse este escenario tras analizar o descenso experimentado nos caudais circulantes polas canles da demarcación, que se atopan un 45 % por baixo dos habituais para o mes de xullo.
A prealerta afecta a toda a demarcación fóra do Sil Superior, é dicir, no Miño Alto, Cabe, Sil Inferior, Baixo Miño e Limia, e supón a aplicación medidas de maior vixilancia e control das infraestruturas por parte das entidades locais, que son as competentes en materia de abastecemento.
Nun audio difundido aos medios, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, explicou que as precipitacións recollidas nos últimos cinco meses foron inferiores ás habituais, uns 180 l/m², o que representa un 49 % menos ca a media do período marzo-xullo.
Unha situación que deu lugar ao descenso dos caudais circulantes polo territorio da demarcación e a unha situación de escaseza conxuntural.
Así as cousas, Quiroga subliñou a "necesidade" de aplicar medidas nos municipios de fomento da concienciación e do aforro, a través principalmente da limitación dos usos non esenciais.