O xefe de maquinistas di que advertiu do risco na curva, pero que lle "pecharon todas as portas"
Preocupado polos cambios bruscos de velocidade, advertira de que non había un "aviso previo" na Grandeira
Explicou que o aviso do risco chegou, pero non se cambiou nada porque estaba "amparado normativamente"
Veciños de Angrois sobre o maquinista: "Dicía que fora culpa del" e queixábase da seguridade, "que xa denunciaran"
José Ramón Iglesias Mazaira, xefe de maquinistas da xerencia de Galicia Renfe Operadora, confesou este xoves na sexta xornada do xuízo a súa preocupación máxima polos cambios bruscos de velocidade como o que se produce antes da curva da Grandeira, un salto de 200 a 80 km/h, que coincidía ademais co cambio de ERTMS a ASFA.
"Nese punto, coincidía algo que eu non vira nunca, un salto de 200 a 80; o máis importante é que coincidía co cambio de ERTMS a ASFA. Era un punto onde se pode dividir a atención do maquinista", asegurou Iglesias Mazaira, nunha declaración que durou case catro horas.
Fixo fincapé en que sen sinais laterais para os cambios significativos na marcha, xa sexan ascendentes ou descendentes, que el pediu nun documento por escrito, queda unicamente sometido á responsabilidade dos maquinistas o cumprimento das limitacións.
"Hai que xogar moito coa memoria e coa atención excesiva, desde que se aumentaron as velocidades en toda a rede ferroviaria", manifestou.
Non había "aviso previo"
Mazaira, nun correo electrónico enviado un ano e sete meses antes do sinistro, avisou de que na Grandeira non había un "aviso previo" nin amparo do ERTMS, sistema máis seguro que o Alvia ao controlar a velocidade de maneira constante e non puntualmente.
"Parecíame importante lembrarlle (aos maquinistas) na vía ese cambio de velocidade", destacou.
En concreto, decatouse desta circunstancia a partir de que os trens comezaron a circular pola vía 1, "a finais de novembro" de 2011, debido a que nela o sinal avanzado estaba sempre en libre. O seu informe enviouno o 26 de decembro.
O sinal tardío de 80 km/h na propia curva, de "pouco vale", dicía nesa comunicación, "debido a que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa".
Apuntou Mazaira, á parte, que un condutor ten soamente o cadro de velocidades para guiarse e non unha referencia de onde ten que empezar a adecuar.
José Ramón Iglesias Mazaira apuntou a unha conversación co responsable da xerencia de seguridade na circulación de Renfe, Ángel Lluch, que "demostra" que o informe co que avisou do risco antes da curva da Grandeira "estaba a seguirse".
A preguntas das partes, este xefe de maquinistas indicou que "por parte da xerencia de seguridade pedíuseme información para poñer un comunicado informativo para que adecuasen esa curva de transición de equipos", que era o primeiro de tres avisos que contiña o seu informe.
O aviso do risco chegou, pero non se aplicaron cambios porque estaba "amparado normativamente"
"Acheguei o documento enteiro e comentei que me gustaría que incluísen para que os maquinistas fosen conscientes dese chanzo de velocidade tan importante", subliñou. A "resposta" que lle deron é "que iso non se ía trasladar porque estaba amparado normativamente", destacou.
Por iso, chamou a atención sobre que "se tiña que facer un cambio normativo, como se fixo máis tarde", que implicase a colocación de sinais laterais para avisar ao maquinista de que debía reducir a velocidade.
"Pechoume todas as portas"
"A resposta de amparado normativamente pechoume todas as portas. Non podía facer nada máis", lamentou, interrogado sobre se despois de elaborar o informe continuou con esta reivindicación.
A cuestións da propia xuíza --matizando o interrogatorio da avogada da plataforma de vítimas-- sobre se cre que era posible facer ese cambio normativo que conlevase a instalación de sinais antes do sinistro, Iglesias Mazaira respondeu que si.
A un dos avogados da acusación que lle preguntou que se a sinalización que el reclamaba se instalase antes e non despois do sinistro, como ocorreu, se produciría esta traxedia, Mazaira contestou moi tallante: "Non".
"O risco de accidente con ERTMS era o mesmo, dependía só do factor humano"
Tamén o foi para aclarar que o risco de accidentes co sistema ERTMS era o mesmo "dependía só do factor humano".
O móbil "distrae"
Por outra banda, ás preguntas da avogada do Estado, que defende a Adif, admitiu que o uso do teléfono móbil "distrae", como ocorre "na vida diaria", e que el, como formador, recomendaba un uso "comedido".
A avogada do estado exhibiulle unha guía de boas prácticas para tentar demostrar que Adif alertaba do risco da súa utilización, pero Mazaira indicou que estas eran "recomendacións" e mesmo entendeu que Garzón respondese o teléfono corporativo aquel día pois quen lle chamaba era o interventor.
"Vostede colleríao?", preguntoulle a representante de Adif. "Tería que verme no momento. Supoño que si. Ou non", resolveu.
Mazaira adestraba maquinistas dos trens galegos de media distancia, os Avant, onde nunca se desconectou o ERTMS, e non os maquinistas de alta velocidade, polo que non instruíu a Francisco José Garzón Amo, que manexaba o Alvia sinistrado.
Queixas sobre a "curva complicada"
José Luis Carreira, xefe de circulación na estación de Santiago desde 2008, asegurou na sexta xornada do xuízo polo accidente de Angrois que escoitou queixas sobre a "curva complicada" da Grandeira antes do sinistro.
Esta testemuña explicou que "algún comentario oíra dalgún maquinista antes do accidente", pero ao fiscal Mario Piñeiro non lle puido concretar que condutores se queixaban: "Era en xeral. Ningún en concreto".
Si puntualizou que estas conversacións circulaban cando se estaban producindo as probas da liña entre Ourense e Santiago.
E ese sentir xeneralizado centrábase, segundo relatou, "na entrada en Santiago", que era "complicada pola curva".
En todo caso nunca o interpretou como un risco real e si como "unha cousa máis que se podía mellorar".
"O que entendín é que podía estar mellor sinalizada", concretou Carreira, pero este asunto nunca o elevou ao Adif por non estar entre os seus labores facelo.
"Non teño forma de trasladar iso a ninguén. Podo trasladar avarías que ocorren no meu sistema", declarou.
Veciños que estiveron co maquinista: "Dicía que fora culpa del" e queixábase da seguridade, "que xa denunciaran"
Julio Santiso e Evaristo Iglesias, os primeiros veciños do barrio de Angrois que acudiron en auxilio no lugar en que descarrilou o Alvia o 24 de xullo de 2013, declararon na sexta xornada do xuízo que o maquinista e acusado Francisco José Garzón Amo se lamentou do ocorrido e criticou a pouca seguridade.
Santiso contou que escoitou un estrondo, "coma se fose unha explosión", e que tras as chamadas de rigor a emerxencias e forzas e corpos de seguridade, dedicáronse os residentes nesta zona para "facer o que puidemos".
Do condutor, ao que auxiliaron dous policías que Julio viu cando xa viñan con Garzón en marcha, lembrou que lle comentou que fora "culpa del" e que a protección era escasa, "que non se podía circular así" e que era algo que "xa denunciaran".
Ao preguntarlle expresamente pola letrada de Adif por se Amo mencionara a chamada co interventor de a bordo, afirmou que non, e consultado por esta mesma avogada sobre se Garzón chegara a espetar "se pillo o de seguridade, mátoo", respondeu "ata me parece que si".
Iglesias indicou que a el lle soltou: "Érame mellor morrer que ver todo aquilo". "Non lle escoitei outra cousa", relatou na sala.
Este xoves, ademais, está citado para declarar no xuízo o xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira, autor dun informe en que advertía do "risco" e pedía sinais para alertar sobre a curva onde descarrilou o tren, que ocasionou 80 mortes e deixou 145 persoas feridas.