O home que roubou un coche en Vigo cunha nai e os seus dous fillos dentro acepta 16 anos e 2 meses de cárcere
O home que roubou un coche en Vigo cunha nai e os seus dous fillos dentro acepta 16 anos e 2 meses de cárcere
O tribunal condenouno polos delitos de roubo con violencia (con uso de instrumento perigoso, porque utilizou un coitelo para ameazar as vítimas), detención ilegal agravada, resistencia grave e lesións
O tribunal tamén o condenou a indemnizar en 5.540 euros o policía que interveu, así como a nai e os seus fillos, polos danos e prexuízos que se acrediten
O home que roubou un coche en Vigo, en setembro de 2024, cunha nai e os seus dous fillos no interior aceptou penas que suman 16 anos e dous meses de prisión, nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.
Finalmente, o tribunal condenouno polos delitos de roubo con violencia (con uso de instrumento perigoso, porque utilizou un coitelo para ameazar as vítimas), detención ilegal agravada, resistencia grave e lesións. Inicialmente a Fiscalía pedía penas que sumaban 16 anos e 8 meses de cárcere.
Segundo recolle no seu escrito o Ministerio Público, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde do 24 de setembro de 2024, cando o acusado entrou no vehículo, que o pai de familia acababa de estacionar. Coa cara oculta por unha máscara e esgrimindo un coitelo, o acusado cominou a muller, que tiña o bebé nos brazos, a saír do coche, pero esta negouse a marchar sen o seu fillo de 4 anos, que tamén estaba no vehículo.
Entón, o procesado arrincou a marcha, mentres esgrimía o coitelo cara á nai, que non paraba de gritar e pedir auxilio presa do pánico, e chegou a facerlle cortes no abrigo, aínda que non lle provocou lesións. Nun momento do traxecto, o acusado dirixiu o coitelo cara ao bebé, para obrigar a muller a deixar de gritar. Cando o vehículo minorou a marcha, a nai tentou saír do coche co seu teléfono móbil, pero o acusado deuse de conta e volveu ameazala co coitelo. Finalmente, tivo que deter o vehículo, por razóns do tráfico, na rúa Tomás Alonso.
Persecución por un axente fora de servizo
Nese momento, un axente de Policía Nacional fóra de servizo, que fora alertado polo pai e que os estaba seguindo na súa moto, achegouse ao vehículo e abriu a porta do condutor, á vez que se identificaba como policía. Nese momento, a muller aproveitou para escapar cos seus fillos. O funcionario forcexou co sospeitoso, que ofreceu resistencia, pero finalmente logrou quitarlle o coitelo e sacalo do vehículo, antes de inmobilizalo no chan. Por estes feitos, o policía resultou con varias lesións, como unha escordadura de boneca, unha fractura no escafoide e unha cérvico-lumbalxia.
Na vista deste mércores foi condenado por un roubo con violencia a 4 anos e medio de cárcere, a 10 anos por dous delitos agravados de detención ilegal (por ser dúas das vítimas menores de idade), e a un total de 20 de meses de prisión por resistencia grave e lesións ao policía que o interceptou.
No caso do roubo aplicóuselle a agravante de reincidencia, porque o procesado foi condenado por un xulgado de Vigo a 12 anos e 9 meses de cárcere por tres roubos con violencia e, no momento destes feitos, atopábase en situación de terceiro grao. O tribunal tamén o condenou a indemnizar en 5.540 euros o policía que interveu, así como a nai e os seus fillos, polos danos e prexuízos que se acrediten.