Gravado en flagrante un ladrón que roubou cartos e material dun bazar de Sarria
O home nin se inmuta a pesar de que se sabe que o están gravando
Os propietarios xa puxeron denuncia e parece ser que é un vello coñecido da policía
As horas sen enerxía e polo tanto sen alarmas e sen cámaras de seguridade foron unha tentación para os que teñen intención de apropiarse de bens alleos. Sábeno ben en Sarria onde estiveron sen luz toda a noite do apagamento e producíronse varios roubos e intentos de pillaxe.
Un bazar da vila foi saqueado por un home que, ao saír do local, foise camiñando tranquilamente a sabendas de que o estaban gravando. Levou cartos e material. Ademais de estragar a porta.
"Os danos xa os valorará o seguro pero canto ao roubado calculo que entre 1.500 e 2.500 euros. Así o puxen na denuncia que veño de realizar. Colleu amoladoras, cartos das caixas e unha caixa de caudais. O ladrón entrou colleu unhas luvas e comezou a encher o carro", cóntanos a propietaria do local.
Sorprendente que puxera luvas para roubar cando logo nin se inmuta cando sabe que o están gravando ao saír do local cun carro da compra cargado do material subtraído. Os veciños avisaron o propietario. Coa porta rebentada, non lle quedou outra que pasar toda a noite no local facendo vixilancia. E que ben fixo!
"Ás catro e dez da mañá volveron querer entrar, non sabemos se o mesmo ou outras persoas. Rebentaron un cadeado e unha cadea, pero desta volta activouse a alarma e fuxiron".
Outros empresarios xa quedaron a pasar a noite no negocio por precaución, xa que en Sarria estiveron toda a noite sen luz. Como a propietaria do estanco La Suerte, ao ser incapaz de pechar a porta automática. "Pasamos a noite como puidemos. De pé, sen durmir..., pero o medo acabou marchando porque a verdade é que pasaron moitas veces por aquí a Policía Local e a Garda Civil".
Non foi o único negocio afectado en Sarria. As gasolineiras da vila, sen subministración eléctrica nin cámaras de seguridade, foron obxecto de varios intentos de roubo.