Debate sobre as consecuencias das atraccións de Nadal en Vigo
Algúns veciños temen que non se cumpran as medidas de seguridade, mentres outros agradecen estas instalacións
Ademais da iluminación, son moitas as atraccións que estes días enchen as rúas de Vigo e atraen milleiros de visitantes. Nun dos espazos en que se instalaron, na rúa Rosalía de Castro, algúns veciños denuncian que a localización non é segura.
Explican os afectados que temen que non poidan acceder ao lugar coches de bombeiros ou ambulancias cando se producen aglomeracións en toda a contorna.
Mentres, para outros, son un atractivo máis na cidade e para os hostaleiros unha fonte de ingresos. Relatan que os seus clientes aumentaron grazas a estes atractivos.
Dende o Concello aseguran que a instalación conta cun plan de autoprotección que garante a seguridade e o acceso dos vehículos de emerxencias á zona. O alcalde explicou que aínda cos hoteis ao 100 % de ocupación cúmprense tamén as medidas covid.
Nas fiestras da rúa algúns inquilinos están a colgar lazos brancos para denunciar o seu malestar.