De volta ao inverno con baixadas das temperaturas de ata 15 graos
Fronte aos 32 graos que acadou onte Ourense, este sábado moitos puntos de Galicia case non chegan aos 17
As comarcas do interior, as máis afectadas polas baixas presións
O mal tempo chega acompañando dunha alerta laranxa no litoral norte por mor de ondas de ata seis metros de altura
O domingo podería nevar por riba dos 1.100 metros
Xornada invernal con baixadas xeneralizadas nos termómetros de ata quince graos en moitos puntos de Galicia despois de desfrutar en días previos de tempo solleiro. Estas eras as cifras que amosaban onte os termómetros.
Nas últimas vinte e catro horas a situación cambiou radicalmente. Se en cidades como Ourense onte superáronse os trinta e dous graos, no día de hoxe Meteogalicia non contaba con que as máximas chegasen máis aló dos quince. Mesma situación noutras cidades do interior, como en Santiago de Compostela, onde os termómetros chegaron aos vinte e oito graos e hoxe apenas rozan a ducia.
Se onte Galicia quedaba baixo influencia das correntes cálidas de aire procedentes de África, a chegada de baixas presións dende o norte de Irlanda, supuxo unha caída pronunciada das temperaturas. Segundo datos de Meteogalicia, só en Valdeorras e nalgunhas zonas de Pontevedra as máximas roldaron os 19 graos este serán. O resto de Galicia quedou nuns cinco graos menos.
Unha inestabilidade propia da primavera, aínda que atípica pola súa intensidade.
"Ter aire cálido no mes de abril e chegar ata os trinta graos, é algo do que temos rexistros anteriores. Unha situación como a de hoxe, con temperaturas baixas, onde algúns puntos non chegan aos quince tampouco é completamente na primeira quincena de abril. O que si é un pouco máis raro, extraordinario, é ese cambio tan brusco dun día para outro", comenta Juan Taboada, de Meteogalicia.
Ademais do frío, as borrascas chegan acompañadas dunha alerta laranxa no litoral noroeste por ondas de entre catro a cinco metros de altura que tamén afectarán en menor medida ás Rías Baixas. O estado do mar empeorará de cara a mañá, con ondas xa de seis metros, polo que se recomenda non achegarse as zonas expostas da costa. Ademais, podería nevar por riba dos 1.100 metros.
Non será un fenómeno único de Galicia: a Aemet activou alertas meteorolóxicas noutras 13 comunidades por choiva, vento, neve. O verán, aínda queda lonxe.