Davo rompe a xeira negativa do Coruxo cun dobrete
Vitoria do equipo vigués por 2-0 ante o Raio Cantabria, que o saca do descenso e do posto de play out
O Coruxo rompeu a xeira de oito partidos sen coñecer a vitoria grazas ao acerto do dianteiro Davo. O redondelán marcou os dous goles na vitoria ante o Raio Cantabria e xa suma dez no que levamos de temporada.
Completou o equipo vigués un dos mellores partidos da temporada, moi superior ao seu rival, e sufriu moi pouco en defensa contra un equipo que pelexa por entrar na fase de ascenso e fai moito dano á contra. Davo marcou no minuto 17 a pase de David Añón e no 65 aproveitando un pase de Yago Insua.
Con este resultado, o Coruxo sae dos postos de descenso e do play out e agora comeza unha fase do calendario en que se enfrontará á maioría dos rivais directos pola permanencia.