David Hermida, bombeiro rescatista en Venezuela: "Agradecíannolo polo simple feito de estarmos con eles"
David Hermida, bombeiro rescatista en Venezuela: "Agradecíannolo polo simple feito de estarmos con eles"
Os seis integrantes da Briegal que estiveron participando en tarefas de rescate en La Guaira describen un escenario moi complexo para poder recuperar persoas con vida debido ao grandes que son os edificios que se derrubaron
"Cando chegas e te decatas de que aquilo é tan desastroso, acabas facendo o que podes", asegura este bombeiro coruñés
"Sempre queda ese sentimento de que deixas alí algo sen rematar", di David Hermida, bombeiro da Coruña, integrante da Briegal, acabado de chegar de Venezuela, onde con outros seis bombeiros galegos estivo colaborando en tratar de localizar sobreviventes baixo os cascallos dos edificios derrubados polos terremotos.
Xa de volta na Coruña, David explicaba este martes, nunha entrevista no informativo Bos días: "Tras unha viaxe complicada ata que conseguimos meternos nun dispositivo que organizou o Goberno español, o que atopamos ao empezar a traballar foi completa destrución, devastación, e un montón de edificios colapsados que facían que houbese traballo por todos os lados e un sentimento de que aquilo te superaba".
"O único que puidemos atopar foron corpos sen vida"
"É algo ao que non estás afeito. Eu era a primeira vez que ía a un sinistro desta magnitude, e aínda que tiña dous compañeiros que xa estiveran en Turquía ou Libia, dicían que a cantidade de edificios, polas características, construcións altas, facía que fora moi grande todo o que había que atender, e a dificultade de tal cantidade de estruturas facía moi difícil a busca; tan difícil foi, que nós o único que puidemos atopar foron corpos sen vida", lamenta David Hermida.
"Ti saes de aquí esperando poder darlle a algunha persoa a esperanza de vivir, e cando chegas e te decatas de que aquilo é tan desastroso, que acabas facendo o que podes, e aínda que para nós non foi un éxito, por así dicilo, as familias ás que tentamos axudar agradecíannolo polo simple feito de estar con eles, por tratar de seguir buscando", explica este bombeiro.
"É un rescate emocional, que eles tamén agradecían", resume David. "O único positivo co que podemos quedar é o agradecemento".
Esa gratitude que sentiron en Venezuela tamén lla trasladaron outros cidadáns do país suramericano cando xa estaban de volta en Galicia: "Cando chegamos ao parque da Coruña había unha nai e unha filla, venezolanas, que quixeron agradecernos en persoa esa pequeniña axuda que puidemos prestar. Estaban realmente agradecidas e foi unha sorpresa e unha satisfacción".
"Hai que velo en perspectiva"
E precisamente agora, no momento do regreso é cando este bombeiro coruñés explica que teñen que afrontar un sentimento de remorso: "O problema non é alí, estás concentrado co traballo e arroupado polos compañeiros. O problema é cando volves e retomas a túa normalidade e retomas a túa vida, a túa casa, a túa familia, está todo no seu sitio. Esa sensación as veces de culpabilidade, de que ti estás aquí tan tranquilo, estiveches alí uns días e volviches á túa zona segura. Non é doado. Hai que velo en perspectiva".
"E vendo o que queda atrás, queda ese sentimento de que deixas alí algo sen rematar", conclúe David Hermida.