O Pequeno Nicolás evita o cárcere tras a súa última condena
A Audiencia de Madrid suspéndelle a pena por acceder a bases de datos policiais coa condición de que non volva delinquir durante catro anos
Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
A Audiencia Provincial de Madrid acordou suspender a pena de dous anos, un mes e quince días imposta a Francisco Javier Gómez Iglesias, coñecido como o Pequeno Nicolás, pola súa condena por acceder de forma ilegal a bases de datos policiais.
O tribual condiciona esta medida a que non cometa novos delitos durante os próximos catro anos e ao pagamento dunha multa de 1.800 euros. De incumprir algunha destas condicións, revogarase a suspensión e deberá entrar en prisión.
A resolución conta co aval da Fiscalía e chega despois de que o Tribunal Supremo rebaixase o pasado marzo a condena inicialmente imposta pola Audiencia de Madrid, ao apreciar a atenuante de dilacións indebidas.
Os maxistrados consideran que, transcorridos case doce anos desde a comisión dos feitos e sen constancia de novos delitos durante ese tempo, o ingresoo en prisión non resulta necesario para previr a reincidencia. Entenden, ademais, que a suspensión da pena favorece reinserción social do condenado.
Francisco Javier Gómez Iglesias alcanzou a notoriedade pública en 2014 tras facerse pasar por asesor de altas institucións do Estado e por manter contactos con responsables políticos, empresarios e mandos policiais, polo que foi procesado en varias causas xudiciais.