A Xunta reúne este mércores a Mesa da Seca para valorar se activar a prealerta; algúns concellos toman xa medidas
A Xunta reúne este mércores a Mesa da Seca para valorar se activar a prealerta; algúns concellos toman xa medidas
Segundo explicou a conselleira, os datos de Meteogalicia e de Augas de Galicia determinarán se se establece a prealerta na comunidade autónoma
A través deles, están a estudarse as tres concas máis sensibles: a do Lérez, a de Anllóns e a de Baiona
Algúns concellos, entre eles Vigo ou Baiona, xa toman medidas
A Xunta convocou para este mércores, 8 de xullo, á Mesa da Seca, o comité que avalía o estado dos encoros e concas para valorar se se activa a prealerta por seca.
Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático Ángeles Vázquez nunha conferencia de prensa celebrada na sede de Meteogalicia co obxectivo de facer balance do mes de xuño e unha previsión para os próximos días.
Todo iso, despois de que o presidente da Xunta Alfonso Rueda afirmase este pasado luns que non descartaban ter que declarar a prealerta por seca nalgún momento nas zonas de conca nas que é competente o Executivo autonómico.
Segundo explicou a conselleira, os datos de Meteogalicia e de Augas de Galicia determinarán se se establece a prealerta no país. A través deles, están a estudarse as tres concas máis sensibles: a do Lérez, Anllóns e Baiona.
Na reunión, que estará presidida por Augas de Galicia, participarán representantes de Meteogalicia, da Consellería de Sanidade e Medio Rural e membros de Protección Civil.
"Isto non quere dicir que nos teñamos que alarmar, pero si que temos ser moi cautos e precavidos á hora de utilizar a auga", salientou, facendo referencia a non realizar lavados reiterados de vehículos ou encher continuamente piscinas no canto de clorarlas.
Tamén, apelou a non regar de forma continuada tanto en xardíns como en hortas, naquelas zonas que son máis sensibles a experimentar seca.
Igualmente, a titular de Medio Ambiente pediu aos municipios galegos que controlen as perdas de auga nas súas redes de abastecemento e insistiu en que, aínda que a Xunta está ao seu dispor, esta tarefa é a súa obrigación.
Algúns concellos xa toman medidas
Algunhas das medidas xa foron postas en marcha por algúns municipios que se adiantaron á declaración oficial de prealerta por parte da Xunta.
O último foi Vigo, que este mesmo martes anunciou que reducirá as regas, clausurará as duchas das praias e as fontes ornamentais sen circuíto pechado e prohibirá lavar coches e encher piscinas.
O alcalde, Abel Caballero, alertou de que o encoro de Eiras que abastece á cidade estaba nun 86,7% ao 6 de xullo, por baixo do nivel do ano pasado e tamén de 2017, cando houbo un "episodio de seca severa".
A pesar de que a urbe conta con reservas de auga para cinco meses, decidiu limitar os usos non prioritarios e pedirá aos outros municipios abastecidos por Eiras -Soutomaior, Redondela, O Porriño, Mos, Cangas, Moaña, Gondomar e Nigrán- que fagan o mesmo.
Tamén anunciou restricións esta semana Baiona, que alertou dunha "alarmante baixada" das reservas do encoro de Baíña, o cal se atopa no 63,03% da súa capacidade fronte ao 85,43% do ano 2025 por estas mesmas datas.
Prohibiu encher piscinas, a rega de xardíns, hortas e zonas verdes -salvo casos excepcionais-, o lavado de vehículos e o baldeo de rúas, patios e beirarrúas, pecharanse as duchas e lavapiés das praias e a limpeza viaria municipal e a rega faranse con auga que non proceda da rede de abastecemento, e non descarta adoptar novas medidas se a situación empeora.
Quen non impuxo restricións pero si asegurou que o caudal do Lérez xa está en situación de alerta é o Concello de Pontevedra, que reclamou datos oficiais á Xunta e criticou que non son accesibles "desde hai mes e medio".
En resposta, a conselleira insistiu en que a prealerta por seca avalíase cando así o indican os informes de Augas de Galicia: "É agora o momento, non ten por que ser antes".
Na mesma provincia, Pontecaldelas non permite usar a auga da traída para regar, lavar coches e outros usos esenciais, e outros municipios publicaron recomendacións no mesmo sentido.
Pola súa banda, o Concello de Santiago limitou a semana pasada as regas municipais ao "imprescindible" para que subsistan as plantas e pediu un consumo responsable aos seus cidadáns debido ao baixo nivel do Tambre.
Padrón, Ames e Touro, na provincia da Coruña, pediron precaución no uso da auga aos seus cidadáns e lanzaron campañas de concienciación.
En Ourense, Xunqueira de Ambía pediu aos seus veciños que non enchan piscinas nin reguen coa auga destinada a consumo doméstico, e Esgos directamente prohibiuno.