Fai 20 anos da morte de Camilo José Cela
Foi o renovador da prosa do século XX, premio Nobel, premio Nacional de Literatura, Príncipe de Asturias ou Cervantes
Fai 20 anos da morte dun dos nosos grandes literatos. Camilo José Cela foi o renovador da prosa do século XX, premio Nobel, premio Nacional de Literatura, Príncipe de Asturias ou Cervantes. Como todos os grandes, tamén cunha personalidade única que marcou a súa obra e a súa vida.
O seu fillo, Camilo José Cela Conde, conversa no 'Bos días' con Fran López Iglesias para lembrar a figura deste galego universal.
Homenaxe no vixésimo aniversario do seu pasamento
No vixésimo aniversario da morte de Cela, seu fillo lembra que o escritor declarara, pouco despois de publicar 'La familia de Pascual Duarte', a “súa intención de publicar tres libros dedicados a Galicia porque todos se estrañaban de que 'Pascual Duarte' estivese ambientado fóra de Galicia. Daquela o premio Nobel dixo que quería facer a heroica novela do mar, a epicúrea novela do val e a dura novela da montaña. Á larga isto converteuse no libro 'Memoria de la Rosa' para a Galicia familiar; a Galicia dura da montaña estivo recollida en 'Mazurca para dos muertos' e 'Madeira de boj' é a que retrata a impoñente Galicia azoutada polo océano.
Para homenaxear a morte de Cela, di o fillo do escritor, “a Fundación Camilo Jóse Cela e a Fundación Gabarrón propóñense realizar pinturas e esculturas saídas da man de Cristóbal Gabarrón sobre a forma de ser galega que se recollen neses tres libros. Esas claves tan inquietantes e tan galegas como a vinganza, o amor, o medo, o embruxo, dentro dese marabilloso mundo sobrenatural que é tan característico da alma galega".
Escritor galego polémico que escribía en castelán
A Camilo José Cela sempre se lle afeou que non escribise en galego. Sobre este particular, o seu fillo lembra as verbas de Darío Villanueva, presidente da Real Academia Española: “Cela sempre escribiu en galego todas a súas obras da mesma maneira que James Joyce escribira en irlandés o seu marabilloso 'Ulises', por moito que as súas palabras, formalmente, estivesen en inglés”.
Cela foi un escritor polémico en vida pola súa coñecida afección a dicir o que o seu sentido e a súa razón lle ditasen fose cal fose o momento. O seu fillo explica esta faceta dicindo que “os escritores constrúen personaxes e o primeiro que constrúen é o de eles mesmos. Meu pai construíu un personaxe para uso diante de periodistas e auditorios que esperaban ver esa versión tremenda, de alguén que parecía que almorzaba nenos crus; pero meu pai non era así en absoluto, é unha creación literaria máis”.
O fillo do escritor preside unha das fundacións que se encarga de manter e difundir o legado de Cela, un home prolífico que, amais, gardaba todo, e iso foi unha sorte para poder coñecer mellor o home a o escritor. Baseándose neste legado, foi o propio fillo de Cela o que escribiu unha esbozo biográfico titulado 'Cela, mi padre', moi reeditado, e outro segundo libro de esbozo biográfico.
A base esencial da literatura de Cela
Como gran coñecedor da obra de seu pai, Fran López Iglesias pregúntalle cal é o seu libro de cabeceira. Cela Conde responde que é unha pregunta trampa, pero que “os 'Apuntes Carpetobetónicos', os libros de contos como poden ser 'El galego y su cuadrilla' ou 'Los viejos amigos' son para min a base esencial da maneira de escribir, da literatura de Camilo José Cela que despois se traslada ás grandes novelas”.
A Xunta tamén conmemorará este ano o aniversario da morte de Camilo José Cela, haberá unha exposición itinerante e impulsarase o legado do premio Nobel e a casa-museo de Iria Flavia, se a pandemia o permite.