O baile e a música tradicionais agroman no encontro Serán 04
A Cidade da Cultura acolle o IV Encontro Galego de Cultura Popular
Folk, artesanía e moita diversión regalan este evento que se celebra durante toda a fin de semana
Un milleiro de artistas participan nas múltiples actividades culturais
Con 45 anos de historia ás súas costas Xacarandaina enchía de cor o certame de coros enxebres que abría a actividade cultural do Serán, o encontro galego de cultura popular que xa vai na súa cuarta edición e que leva toda a fin de semana promovendo o patrimonio artístico e humano do país.
"Este mesmo ano a música e o baile tradicional de Galicia vanse facer tamén ben de interese cultural. Xa que logo este ano o Serán está dedicado en xeral á cultura tradicional de Galicia", asegura Quique Peón, director artístico do Serán 04.
Nas instalacións da cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, estanse a dar cita un milleiro de artistas arredor do folk, o baile tradicional e a música, pero tamén hai espazo para visitar unha mostra do traxe tradicional galego, coma este arrolo.
"Trátase de poñer en valor todo ese vestiario que tivemos, toda esa cultura que ao longo dos anos foise esquecendo un pouquiño", sinala Yerai Paz, artesán.
É un encontro integral que tamén conta con cursos e seminarios impartidos por artistas de referencia, e que esgotaron as prazas de asistencia.
"Estamos vivindo un momento no que a xente está moi ávida de querer saber das nosas tradicións e ampliar os seus coñecementos de, como é no meu caso, a pandeireta", conta Felisa Segade, pandeireteira de extensa traxectoria.
A efeméride tamén conta cun feirón no que os artesáns expoñen produtos tradicionais e achegan ao público as tradicións máis enxebres.
Pero por riba de todo trátase de desfrutar da música e do patrimonio cultural de Galicia.