Críticas dos comerciantes da zona histórica de Santiago ás medidas de aforro enerxético
O presidente de Compostela Monumental reclama axudas para adaptar os locais
Acusa o Goberno de elaborar o decreto ás présas para marchar a Lanzarote no Falcon
Esta semana entraron en vigor as primeiras medidas do decreto do aforro enerxético aprobado polo Goberno, unhas medidas que os comerciantes e empresarios da zona histórica de Santiago consideran ineficaces e prexudicais para o sector. O presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello, reclama axudas para que o perqueno comercio poida adaptar os locais.
O presidente de Compostela Monumental critica que haxa que apagar as luces de escaparates e edificios públicos a partir das dez da noite porque di que é malo para o turismo e crea inseguridade. Tampouco está conforme coas limitacións na temperatura do aire acondicionado ou da calefacción e critica especialmente unha medida que aínda non entrou en vigor, pero que será obrigatoria a partir do 30 de setembro, o peche automático das portas.
"Moita xente non poderá poñer enriba da mesa 8.000 euros que é o que custa unha porta semitautomática, despois hai certos locais, aquí en Galicia non tanto pero en Almería, ou en Córdoba ou Sevilla que con 27 graos é imposible traballar, despois o apagamento das luces ás dez da noite é outra medida que tampouco favorece nada porque crea unha inseguridade enorme dentro das rúas e tampouco crea un bo ambiente nocturno"
José Manuel Bello, que preside tamén a Confederación Española de Cascos Históricos, lembra que na zona vella a maioría das portas son de madeira e adaptarse á normativa podería supor nalgúns casos incumprir a lei de protección do patrimonio. E reclama axudas para evitar peches e destrución de emprego. Asegura que en España xa pecharon 50.000 tendas.
"Teriamos que subvencioinar outro tipo de material que axude que climatizar as tendas debidamente e non prexudicar o pequeno comercio cun real decreto feito de présa e correndo para marchar de vacacións a Lanzarote no Falcon"