Publicador de contidos

Publicador de contidos

Instrucións para aforrar enerxía: electrodomésticos eficientes, obras nos edificios e menos coche

Instrucións para aforrar enerxía: electrodomésticos eficientes, obras nos edificios e menos coche

A Comisión Europea recomenda mercar aparellos de baixo consumo

Tamén se aconsella rebaixar a calefacción e o aire acondicionado

Os traxectos de menos de tres quilómetros poden facer a pé ou en bicicleta

G24.gal 21/10/2025 14:42 Última actualización 21/10/2025 16:26

A enerxía non se crea nin se destrúe, hai que aforrala. A guerra de Ucraína ou as crises económicas lémbrannos a importancia de reducir o gasto enerxético. E o Día Internacional do Aforro de Enerxía, que se celebra o 21 de outubro, serve para recordar algunhas das medidas que case todos podemos tomar no día a día. Para empezar, na nosa propia casa. A Comisión Europea recomenda mercar electrodomésticos de baixo consumo pero a propia evolución tecnolóxica obrigou a cambiar a normativa e a facela máis estrita.

"Un aparello que hai uns anos sería clase A triplo plus, hoxe vén sendo unha clase C", aclara Luis Garrido mentres describe un dos lavapratos que ten na súa tenda de Electrodomésticos Argasa Mi Electro de Vigo.

A etiqueta enerxética é unha pista crucial na maioría dos grandes electrodomésticos pero moitos aparellos pequenos non as levan. Aí, para calcular o consumo hai que mirar a potencia e pensar tamén no tempo de uso que se lle vai dar a cada máquina. Os especialistas, ademais, recomendan xestos moi sinxelos para aforrar na casa: desenchufar o cargador do teléfono cando non se utilice, apagar as luces nos cuartos baleiros e, algo moi relevante, manexar con sentidiño a temperatura. Está comprobado que baixar un grao a calefacción, dos 22º de media a uns moi agradables 21º, permite aforrar ata un sete por cento de enerxía. Igualmente, subir un grao o aire acondicionado cando vai calor pode recortar o gasto nun dez por cento.

Aforro colectivo

Ademais, claro, podemos aforrar en grupo. Renovar o sistema enerxético dun edificio supón un investimento alto, sen dúbida, pero co tempo o resultado adoita ser máis ca rendible. Temos un exemplo nun bloque da céntrica rúa Rosalía de Castro de Vigo, onde a comunidade de propietarios, 72 vivendas, gastou uns 185.000 euros en modernizar a rede de calefacción e auga quente. Cambiaron a antiga caldeira de gasóleo por un sistema de aerotermia e paneis solares.

"Na demanda de auga quente sanitaria, aforrouse un cen por cento; un sesenta por cento na calefacción; e un aforro total do setenta por cento", asegura Luz María Lavía, directora técnica de Ares PMO, a empresa que se encargou do proxecto.

Europa recomenda, tamén, aforrar nos desprazamentos. Unha solución pode ser compartir coche e outra, directamente, non usalo. Cando os traxectos son de menos de tres quilómetros, en teoría, poden facerse sen problema a pé ou en bicicleta.

"Eu uso a bicicleta para aforrar tempo porque traballo en varios sitios e teño que saír dun e meterme noutro", explica unha muller que pedalea polo carril bici da avenida das Camelias de Vigo.

E ás veces non hai nin por que desprazarse. Bruxelas insiste en fomentar o teletraballo como xeito de aforro enerxético. Máis dun terzo dos empregos que se realizan no continente poderían, din, facerse dende casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade