Publicador de contidos

Publicador de contidos

Criptomoedas, cuestión de confianza, por Venancio Salcines

Criptomoedas, cuestión de confianza, por Venancio Salcines

G24.gal 17/11/2022 09:31

Que é unha criptomoeda? Un activo dixital. Fale con quen fale, ninguén negará esta afirmación, que de feito xa, por si mesma, a define á perfección, un activo que soamente existe no mundo dixital, non ten base física, non o pode tocar.

E aquilo que non tocas existe, valla a redundancia, se crees na súa existencia. Vive vencellado á credibilidade, por iso un bitcoin hai un ano custaba 60.000 USD e hoxe 16.000 USD.

En Europa a banca, agás BBVA na súa sucursal de Suíza e outros bancos deste pais, non admite a compra-venda destes activos. Polo contrario, no Caribe e na órbita dos paraísos fiscais non é estraño encontrar entidades que os admitan e os convertan nalgunhas das divisas fortes do mundo.

Esta complicidade dalgunhas entidades financeiras mais o uso permanente da palabra coin, moeda en inglés, permite que moitos as vexan como outro tipo de moeda, e as casas de intercambio, as exchanges, como bancos.

Nada é así. A banca leva moitos anos aprendendo dos seus erros. A regulación financeira internacional ten ás súas costas moitas bancarrotas, erros e fallas propias da súa servidume a intereses políticos ou de parte. De feito, a obsesión principal dun banco central é a solvencia do sistema. E xustamente iso foi o que fallou na quebra de FTX, a súa solvencia. Por que? Por comportamentos que xa se teñen observado, ao longo da historia, nalgúns banqueiros, utilizar o diñeiro dos clientes para uso particular. Isto en Europa, dados os sistemas de control, é practicamente imposible, e países sen regulación, ou con unha moi laxa, como era o caso de Bahamas, onde estaba a sede desta empresa, si podía ser unha realidade. Tanto é así que moitas compañías se instalan xustamente onde saben que non existe “policía financeira”, é dicir, onde os servizos de inspección do banco central non teñen capacidade ni interese por coñecer a realidade das entidades afincadas na súa xurisdición.

A maior parte do mundo observa as criptomoedas como un activo suxeito a especulación. As boas noticias fan que medre o seu valor e as malas tómbano. Nin sequera unha acción ten un comportamento tan volátil, xa que estas teñen unha correlación evidente coa situación da empresa a que pertencen.

A quebra de FTX erosiona a credibilidade das criptos e tamén aclara o campo de xogo. Un campo sen rede e sen ninguén que cubra as perdas. E, posiblemente, dara forza aos reguladores dos bancos centrais, interesados en ter espellos dixitais pero sempre en contra de que alguén lles roube o seu dereito a ser os monopolistas do diñeiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade