O salario da mocidade retrocede: primeiro aviso en oito anos, por Santiago Calvo
A economía española medra, os prezos relaxan e o salario medio sobe. Pero hai unha excepción que salta á vista: os mozos e mozas menores de 25 anos viron baixar o seu soldo medio por primeira vez desde o 2016. Si, escoitáchelo ben: mentres o conxunto dos traballadores viu incrementar o seu salario medio nun 5 % durante o ano 2024, os menores de 25 anos cobraron de media un 1 % menos, quedando en 1.372 euros brutos ao mes. E se falamos de soldo neto, o que vai ao peto, serían uns 1.156 euros mensuais.
Resulta especialmente curioso porque neste mesmo período tamén subiu o Salario Mínimo Interprofesional de maneira notable, e iso adoita beneficiar sobre todo á mocidade. Entón, que pasou? Pois o que pasou é que cada vez hai máis mozos traballando en xornadas parciais, que implican menos horas e, como é lóxico, menos ingresos.
A estatística reflexa un cambio na estrutura do emprego xuvenil: menos contratos a tempo completo, máis traballos parciais, moitos deles temporais ou de escasa duración. Así, aínda que quen traballa a tempo completo si viu mellorar o seu soldo (0,9 %) e incluso os de media xornada gañan algo máis (6,1 %), o feito de que aumente o número de traballadores na franxa máis baixa provoca que a media global baixe.
Mentres tanto, os que máis cobran e os que máis soben son os maiores de 55 anos: case 2.700 euros ao mes, cun aumento do 8,2 % respecto ao ano anterior. A clave? Contratos indefinidos, máis antigüidade e experiencia, claro.
A mocidade, en cambio, acumula precariedade e salarios que non arrancan. E isto non é só un dato conxelado na folla de cálculo do INE: é un retrato do presente laboral dun sector clave para o futuro. Porque se a xuventude non avanza, mal imos todos. E esa é unha estatística que si debera preocuparnos.
Claves económicas da semana
Esta semana estará marcada por dous focos económicos principais: a loita orzamentaria no ámbito estatal e a publicación de datos económicos de relevo por parte do INE. Por unha banda, hoxe, luns 17, celébrase o Consello de Política Fiscal e Financeira para acordar o teito de gasto e a senda de estabilidade de cara aos Orzamentos Xerais do Estado de 2026.
Trátase dun paso imprescindible antes de levar as contas ao Congreso, aínda que chega fóra de prazo, pois o proxecto orzamentario debera presentarse antes do 1 de outubro. A reunión chegará nun clima de tensión política: o Executivo central segue sen apoios parlamentarios suficientes para sacar adiante unhas novas contas, polo que todo apunta a que podería continuar gobernando con orzamentos prorrogados. De feito, os vixentes son aínda os do 2023, estendidos tamén en 2024 e en 2025. Malia a recente ruptura coa súa antiga aliada Junts, Pedro Sánchez insiste en esgotar a lexislatura aínda que non haxa orzamentos novos.
As comunidades autónomas tamén tomarán posición neste encontro. Moitas delas, gobernadas pola oposición, aproveitarán para esixir máis marxe fiscal e avanzar cara a un novo modelo de financiamento autonómico. Desde Galicia, o Goberno galego califica de atrasada e insuficiente esta convocatoria estatal. A Xunta insistirá en que Galicia xa ten listas as súas contas mentres o Estado apenas empeza o ciclo, e reclamará responsabilidades para non lastrar as comunidades.
Pola outra banda, o INE publicará esta semana varios indicadores clave. Coñeceremos a cifra de negocios da industria e a actividade do sector servizos correspondente ao mes de setembro. A industria previsiblemente seguirá mostrando sinais de fraxilidade, con crecementos moi modestos, mentres que o sector servizos mantén tendencia positiva grazas ao tirón do turismo e do consumo interno. Tamén se actualizarán datos do mercado da vivenda, con cifras que, segundo adiantos, indican que as compravendas se manterán elevadas pese á suba dos tipos hipotecarios.
En resumo, unha semana cun ollo nas contas e outro nas cifras: política fiscal e indicadores que seguirán debuxando o pulso da economía española e galega neste treito final do ano.