O Concello de Lugo aproba os orzamentos co voto da exsocialista María Reigosa
A edil, que recentemente solicitara a baixa no PSdeG, xa anunciara nas horas previas o seu voto positivo
As contas de Lugo para este 2026 alcanzan os 132 millóns de euros
O Goberno bipartito de Lugo, formado polo PSdeG e o BNG, aprobou o orzamento para este ano, cos trece votos que suman ambos os partidos, incluído o da concelleira María Reigosa, que recentemente solicitou a baixa como militante no Partido Socialista aínda que se mantén como independente dentro do grupo municipal.
Todas as miradas estaban postas este venres nesa edil, quen xa avanzara nas últimas horas o seu voto a favor dos orzamentos municipais -unhas contas que suman 132 millóns de euros e son as máis altas da historia no Concello de Lugo- en consonancia co grupo do que forma parte.
O apoio de Reigosa era fundamental para que socialistas e nacionalistas puidesen sacar adiante estes orzamentos, tendo en conta de que a maioría absoluta do bipartito no pleno sostense por un único voto.
“A responsabilidade e a seriedade no exercicio da función pública guían as miñas decisións, desde unha forma de actuar baseada na coherencia e no respecto á palabra dada, coa finalidade de contribuír á estabilidade institucional e ao correcto funcionamento do Concello, sempre pensando no mellor para Lugo e para os seus habitantes”, dixo Reigosa nun comunicado antes da celebración do pleno.
En todo caso, a edil tamén apoiou unha emenda do Partido Popular aos orzamentos para introducir unha bonificación no IBI das áreas de expansión, de modo que a iniciativa saíu adiante grazas ao seu voto, por 13 a favor, fronte aos doce que sumaron os socios de goberno.
Outras tres emendas presentadas polos populares a estas contas foron aprobadas por unanimidade.