Crece a preocupación pola inseguridade no barrio ourensán da Ponte
Aseguran que a delincuencia derivada do consumo de drogas segue aumentando e piden reforzos policiais
A través de grupos nas redes sociais, os veciños dos barrios da Ponte, O Vinteún, Santa Teresita e As Eiroás van documentando os casos que se coñecen. Un dos últimos foi o de Rocío. Entráronlle na galería da casa e, polo que puido observar, botaron tempo dentro: "Como non puideron entrar na casa, dedicáronse a comer: iogures, caeulles a Coca-Cola, o aceite... E esa mesma noite entraron en dúas casas máis. Dedicaron esa noite a andar entrando nas casas".
"Rouban en casas, comercios... Onte roubaron cinco queixos aí. En río Támega tiraron unha muller para lle quitar o bolso e fixo un corte nun brazo. Precisan a súa dose e van pola xente", sinala outra veciña.
Este mesmo luns a Policía Nacional detivo un home, que ingresou en prisión, ao que lle imputan dous roubos con forza en vivendas. Os roubos a negocios baixaron, pero os veciños denuncian que segue habendo asaltos en plena rúa, roubos en coches estacionados e que se senten desprotexidos. "Non podes andar tranquila. Danche un golpe e tírante". "O outro día, unha señora aquí atrás, berrando porque lle acababan de roubar a carteira". "Métense nos portais e fan alí as súas necesidades... Unha cadea que non para", comentan varios veciños.
A Policía Nacional mantivo reunións cos veciños dos barrios afectados. Anímanos a denunciar cada caso, para que a situación se reflicta nas estatísticas.
"Denunciar todo para que conste, porque se non, non existe ese delito. Din que o 40 % dos efectivos están nesta zona, pero se en todo Ourense hai catro coches...". "Que non lles consta que suban os delitos, pero nós vemos que todos os días pasa algo", sinalan.
Os veciños están recollendo sinaturas para presentalas na Subdelegación do Goberno e programan tamén unha concentración para esta mesma tarde.