Denuncian vandalismo e inseguridade en Bandourrío, en Ribeira
Hai roubos en coches, tiróns de bolso e pelexas constantes que están botando do barrio á xente de toda a vida
O martes teñen unha reunión co Concello para pedir polo menos máis presenza policial
"Hai delincuencia, moitos puntos de venda de droga, atracaron a varias persoas, ves os ionquis por aqui, pelexas, ...", denuncia unha veciña.
E para mostra un botón, os restos dunha pelexa a navalladas no interior dun edificio. O día a día.
"Ultimamente estamos vendo moito vandalismo, non só de noite senón de día. Xa empezan a roubar coches, a min por exemplo, rompéronme a ventá do coche entre as dez e as doce da mañá. A veciña de aí xa leva dúas portas cambiadas da casa", explica Paula Touza, presidenta da Asociación de Hostalaría de Ribeira.
"Acabo de falar co veciño, Tito, e o cable ese que está colgado é porque subiron ao potín e baixaron polo cable abaixo da luz e romperon os caños das casas de enfronte", engade unha veciña.
Roubos menores e puro vandalismo, que xera inseguridade.
"Eu levo o bolso cruzado porque non queda outra".
"A cada clienta teño que avisala de que aparquen no aparcadoiro para que non lles rouben o coche e que procuren meter o bolso debaixo do abrigo para evitar un tirón porque está habendo moitos casos", explica Rebeca Martínez, propietaria Salón Morriña.
Bandourrío é o barrio mariñeiro de Ribeira, con moita xente maior que leva aquí toda a vida.
"Pasamos do inferno á gloria. Isto cambiou moitísimo, moitísimo. Agora estamos no inferno".
"Eu acabo de mudarme. Vivía aquí e mudeime".
O barrio vai quedando baleiro. Hai ducias de edificios tapiados, por medo ás ocupacións, máis aínda dende que desaloxaron o icónico edificio das Avesadas.
"Cando unha casa está abandonada, haina que tapiar. Non hai outra opción".
"Empezan a tapiar pero non hai problema, cunha mandarria entras en calquera sitio. Eu entro en calquera sitio", recoñece un home que dorme onde pode.
Veciños e hostalaría están unidos nesta loita para frear a deterioración do barrio. O martes teñen unha reunión no Concello para pedir polo menos maior presenza policial.