Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cortada unha estrada en Pantón tras esborallarse unha ladeira pola intensa choiva

Cortada unha estrada en Pantón tras esborallarse unha ladeira pola intensa choiva

A LU-P-4103 queda pechada ao tráfico debido ao desprendemento dunha ladeira no quilómetro 12  que comunica Ferreira de Pantón co Embalse de Santo Estevo

A Deputación xa habilitou itinerarios alternativos e solicita aos veciños extremar as precaucións 

Imaxe da estrada provincial LU-P-4103, que permanece cortada Imaxe da estrada provincial LU-P-4103, que permanece cortada
G24.gal 05/02/2026 14:47

A Deputación de Lugo informou este xoves do corte ao tráfico da estrada provincial LU-P-4103, ao seu paso polo municipio de Pantón, na Ribeira Sacra, como consecuencia do derrubamento dunha ladeira provocado polas intensas choivas rexistradas nos últimos días.

O desprendemento produciuse no quilómetro 12 desta vía, que comunica Ferreira de Pantón co encoro de Santo Estevo, o que obrigou a interromper a circulación para garantir a seguridade dos usuarios.

Tras ter coñecemento do incidente, a institución provincial desprazou á zona persoal técnico e maquinaria co obxectivo de avaliar a situación e iniciar os traballos necesarios para a retirada do material desprendido e a estabilización da ladeira afectada.

Mentres non se restableza a normalidade na circulación, a Deputación, indica un comunicado, habilitou itinerarios alternativos, debidamente sinalizados, á vez que solicita aos veciños e usuarios da vía, en xeral, que extremen a precaución e respecten a sinalización provisional instalada.

Por outra banda, como consecuencia dos efectos do episodio de choivas intensas que tamén afecta á provincia de Lugo, continúan pechadas ao tráfico varias estradas da rede provincial.

En concreto, permanecen cortadas por inundacións a LU-P-3204, no concello de Monforte de Lemos; a LU-P-4703, na Pobra do Brollón; e a LU-P-0901, en Bóveda.

Así mesmo, seguen intransitables o tramo vello da LU-P-3501, en Navia de Suarna, e a LU-P-6502, no concello de Muras, debido aos danos ocasionados pola auga en dúas pontes.

Tamén como consecuencia do temporal, parte da cidade de Lugo padeceu na mañá deste xoves dous microcortes na subministración eléctrica. Ambos duraron uns segundos.

Fontes do departamento de comunicación da empresa subministradora confirmaron que eses microcortes foron provocados pola caída dunha rama sobre unha das liñas principais de subministración á cidade de Lugo.

Afortunadamente, os servizos técnicos da compañía lograron restablecer rapidamente a subministración, á espera de avaliar e proceder a liquidar esa incidencia. 

Vídeo de Whatsapp de cómo quedou a estrada despois do desplome
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade