Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación polo nivel dos ríos en Ourense, coa Peroxa e Ribadavia en nivel vermello

Preocupación polo nivel dos ríos en Ourense, coa Peroxa e Ribadavia en nivel vermello

Hai desbordamentos no Támega, no Arnoia, na conca do Limia, no Miño e no Avia

A demarcación Miño-Sil recolleu en 10 días uns 270 litros por metro cadrado, "o dobre" de chuvia que nun mes de xaneiro completo

G24.gal 05/02/2026 14:26 Última actualización 05/02/2026 21:13

A situación na conca do Miño empeora por minutos. Na Foz, en Ribadavia, onde o Avia desemboca no Miño, o nivel da auga subiu vinte centímetros en só unha hora. Hai aviso vermello e o GES está vixiante por se fai falta cortar a estrada da Arnoia.

"Estamos esperando o pico do Avia, chove forte e seguido e dinnos que a partir do mediodía, ao longo da tarde, chegará o pico do Avia. O do Miño din que será pola tarde. Esperamos que non coincidan os dous picos, porque será peor", di Julio Puentes, coordinador do GES de Ribadavia.

O Avia xa desbordou nos sitios habituais, como A Quinza. Mari Luz, que vive ao carón do río, xa está preparada por se ten que mover mobles: "Quen non vai estar preocupado! Nas casas de campo sempre hai moitas cousas nos baixos. Haberá que levantar todo para arriba. Desde as 8 xa subiu bastante. Se tiveran o río limpo, facíanos ben".

Tamén toman precaucións na Veronza. "Por precaución, a ver que pasa! Esperamos que non vaia a moito máis. Cada día vai aumentando máis o nivel do río, co que leva chovido, que non hai quen o sosteña", sinalan dous veciños da zona.

Aquí xa non se distingue onde acaba un río, o Avia, e onde empeza outro, o Maquiáns, totalmente desbordado e ameazando con entrar no centro de saúde da vila.

"Ímolo cortar xa agora mesmo e a ver se non temos que seguir retranqueando. Soben os dous, e tamén o Miño. Este punto é crítico e tamén na Arnoia, que se segue subindo hai que cortala", di Nardo Domínguez, GES de Ribadavia.

Tamén hai aviso vermello no Támega, en Oímbra, e nos Peares. O Miño subiu aquí dous metros en 24 horas. E avisos laranxa en practicamente todos os ríos da provincia. Na conca do Limia, no Arnoia en Baños de Molgas e no Miño ao seu paso pola cidade, onde xa cortaron os paseos fluviais.

O responsable da Oficina de Planificación Hidrolóxica explicou que nos últimos días a parte galega da demarcación Miño-Sil recolleu 270 litros de precipitación por metro cadrado, "máis do dobre do que se adoita recoller nun mes de xaneiro completo, pero en dez días".Ademais, isto súmase que desde o inicio do ano hidrolóxico a precipitación é de 750 litros por metro cadrado, un 30% máis que o valor medio.

Así as cousas, os encoros da demarcación están a unha media do 83% de ocupación, aínda que varios deles superan o 90%. De feito, varias das presas están aliviando agora mesmo, entre as que están San Martiño, que ten un caudal de saída de 105,95 metros cúbicos por segundo; Montefurado desagua case 89 metros cúbicos; ou Velle (Ourense), con 459,98 metros cúbicos por segundo.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta mantén activo o plan Inungal por risco de inundacións en fase de pre-emerxencia.

Así, mantéñense baixo seguimento, na provincia da Coruña, os ríos Mero (Cambre), Sar (Ames), Barcés (Abegondo), Cabeceiro (Oroso) e Tambre (Oroso e Trazo) e Mandeo (Coirós).

Na de Pontevedra, están en seguimento o Lérez (Pontevedra), Miñor (Gondomar), Maceiras (Redondela), Gallo-Umia (Cuntis), Verdugo (Pontecaldelas) e Miño e Tea (Salvaterra de Miño).

En Ourense están en seguimento os ríos Miño (A Peroxa e Ourense), Avia e Avia-Miño (Ribadavia), Arnoia (Baños de Molgas), Limia (Bande e Xinzo de Limia) e Támega (Castrelo do Val e Oímbra).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade