Catro anos de prisión para o condutor que causou un accidente mortal na Noiteboa de 2020 na Coruña
No sinistro falecera un matrimonio
A sentenza non é firme
A Audiencia Provincial da Coruña condena a catro anos e dous meses de cárcere ao condutor que chocou o día de Noiteboa do 2020 contra un vehículo en que viaxaba un matrimonio, que faleceu.
Segundo a sentenza do 28 de xaneiro que divulgou este xoves o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o tribunal considérao autor de dous delitos de homicidio por imprudencia grave e dun delito de lesións por imprudencia grave, así como de delitos contra a seguridade viaria, polos que tamén lle impón a privación do dereito para conducir durante seis anos e dous meses.
A sala explica que o acusado, ao conducir a unha velocidade superior a 120 km/h nunha vía urbana con límite de 50 km/h, impactou contra outro coche, o que provocou a morte de dúas persoas e causoulle lesións a outra. O tribunal considera que a conduta do sospeitoso, que non realizou manobra de freado ao aproximarse ao cruzamento, constituíu unha imprudencia grave, dado o risco evidente que a súa velocidade inadecuada xeraba.
"O risco de que puidese producirse un sinistro con graves consecuencias -como así sucedeu- era elevado e evidente, sen que o acusado realizase manobra algunha para minoralo, pois non fixo uso do sistema de freado ao ver ao vehículo interpoñerse na súa traxectoria", sinalan os maxistrados.
Conclúe que incorreu "nunha absoluta falta de previsión e coidado, nunha intolerable infracción do deber de coidado con desprezo ás normas máis elementais de cautela, orixinando un risco físico que produce o resultado daniño, o que constitúe unha imprudencia grave, causa determinante do fatal resultado producido".
A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de apelación.
O pasado decembro, o Concello da Coruña colocou unha placa no lugar do accidente de tráfico no polígono da Grela, onde existe unha rotonda desde outubro, para homenaxear o matrimonio falecido.