Detidos dous atracadores que roubaron 70.000 euros nun banco en Cervantes
Ameazaron a empregada cunha arma de fogo
Existía o risco dun inminente atraco por parte dos arrestados
Imaxe cedida pola Garda Civil
A Garda Civil detivo aos dous presuntos autores dun atraco perpetrado o pasado mes outubro nunha entidade bancaria de Cervantes, en que ameazaron a empregada cunha arma de fogo e lograron subtraer máis de 70.000 euros.
O arresto desenvolveuse no marco da operación Dillinger, en que os investigadores, tras ver as imaxes captadas polas cámaras de seguridade, comprobaron como un dos atracadores mostraba moita profesionalidade e experiencia ao lograr controlar a empregada e actuar en pouco tempo.
Os arrestados vixiaban as sucursais e a posible presenza policial
Segundo informou o instituto armado, os detidos realizaban vixilancias periódicas en oficinas bancarias, tanto nas horas de apertura como nas posteriores, controlando as persoas que accedían a elas, o momento no que o facían e a posible presenza policial. Ademais, o pasado mes de xaneiro estableceron labores de "vixilancia continuas", centrados unicamente na sucursal bancaria de Cervantes.
Un dos arrestados ten antecedentes penais por delitos de roubo con violencia, especialmente na modalidade de atraco a entidades bancarias, mentres que o outro conta con numerosos antecedentes por delitos de tráfico de drogas.
A Garda Civil revelou que existía un "elevado risco potencial dun inminente atraco" por parte dos detidos. O principal investigado e o seu cómplice desprazábanse no vehículo que usaban habitualmente ata as inmediacións da sucursal, sendo interceptados in itínere polos axentes da USECIC da Comandancia de Lugo.
Tras a detención dos presuntos autores, os axentes realizaron rexistros domiciliarios nas localidades de Miño e Carral, onde interviñeron unha arma curta, unha perruca similar á utilizada no atraco de Cervantes, binoculares de visión nocturna, dispositivo detector de frecuencias, unha cámara con obxectivos de longo alcance e varios terminais móbiles. Os detidos serán postos a disposición da autoridade xudicial.