Publicador de contidos

Publicador de contidos

A cadea de borrascas deixa o peor xaneiro en anos nas lonxas galegas

A cadea de borrascas deixa o peor xaneiro en anos nas lonxas galegas

Foron 3.705 toneladas descargadas e pouco máis de 22 millóns de euros, o peor xaneiro nas lonxas en vinte anos

G24.gal 05/02/2026 14:33

Coa sucesión de temporais dende comezo de ano, en Ribeira amarraron ata os arrastreiros de litoral, os máis preparados para aguantar a mala mar. "Son barcos máis grandes e sempre temos máis valentía para traballar, pero é moito", di Javier Eiras, armador do Baleiro Primeiro. "Levo 45 anos ao mar e non acordo un xaneiro así", lamenta.

Os poucos que traballaron algo son os que puideron facelo ao abrigo da ría, pero tamén foi mal xaneiro. "Xa non é só xaneiro, foi decembro, estamos en febreiro. O problema é o mal tempo", di un mariñeiro que saíu ao polbo. Así que á lonxa de Ribeira chegan cada día fabas contadas.

"Os da ameixa que traballan na praia ao abrigo, e polbo aínda entrou algo, non 3.000 quilos, pero pode haber 200 ou 500", di Ignacio Quintela. Explica que, sobre todo, faltoulles lirio, que traerían os arrastreiros que non traballan. E case a cero de lirio, o volume baixa. Nos últimos vinte anos só baixaron dun millón de quilos en xaneiro tres veces: en 2024, 2025 e o récord para mal: o 2026, con 314.000 quilos anotados.

"O arranque dos dous últimos anos foi para esquecer, porque o normal é que nunha semana teñas dous ou tres días malos, pero é que nestes tempos son toda a semana parados -explica Quintela-. Saen un día, tarde, mal e a rastro".

O caso é que a situación se repite na maioría das lonxas galegas. "En todo Galicia, toda Galicia" reitera José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías. "As lonxas están baleiras, pode haber un barquiño que ande polo litoral ao abrigo ou algo que chegue do Gran Sol", explica.

En euros ou en quilos, este pasado xaneiro foi o peor dos últimos vinte anos. E xa teme polo que poida vir, porque pinta mal para o marisco. "O máis difícil ímolo atopar nestas semanas para adiante, cando baixen as mareas vivas e vaiamos avaliar toda mortaldade canta hai", di Pérez Sieira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade