Centos de viaxeiros buscaron praza nos autobuses pola suspensión dos trens en Vigo
A primeira hora da mañá formouse unha longa ringleira de xente na estación de autocares
Houbo quen chegou tarde ao traballo e quen perdeu citas importantes
A Xunta,ante esta decisión de Renfe, habilita transporte por estrada para os viaxeiros que saen ou van á cidade
Sen trens, todos ao autobús. En Vigo, como noutras cidades galegas, a estación de autobuses está a carón dunha estación de ferrocarril, no seu caso, a de Urzáiz. Por iso, dende primeira hora da mañá centos de persoas pasaron dunha terminal á outra tratando de buscar unha solución para viaxaren ante a falta de trens. Renfe non ofrecía medios alternativos e os pasaxeiros tiñan que buscar prazas. Á mañanciña era, sobre todo, xente que tiña que ir traballar.
"Vou traballar, si. Vinme nesta situación e non sabía que facer", relataba unha moza. "Aquí estamos, intentando chegar ao traballo", engadía outra muller mentres agardaba na fila para mercar billete. "E agora xa vexo que estamos todos no mesmo, que é saber se podemos chegar no autobús", completaba unha terceira viaxeira.
Os autobuses que ían chegando, sobre todo os que conectan as cidades do Eixo Atlántico, viñan cargados. Mentres, outros seguían buscando prazas nos autocares, por traballo ou por lecer. Algúns asumían que chegarían ao seu destino con varias horas de atraso. Outros perderon directamente citas importantes que tiñan programadas.
"Eu tiña que chegar a Madrid ás doce e vou chegar ás sete", explicaba un home que non puido coller o tren que tiña previsto. "O meu plan era ir a Ourense, porque entro a traballar ás dúas da tarde", contaba outro usuario que normalmente viaxa en tren. "Eu tiña que chegar a unha entrevista de traballo en Madrid pero xa a perdín. É unha falta de respecto", aseguraba algo anoxada unha rapaza"
Durante a mañá, cando menos, os autobuses circularon con normalidade. Malia que as condicións nas estradas, pola chuvia e polo vento, tamén podían resultar perigosas nalgúns puntos.
A Xunta habilita transporte nos traxectos A Coruña Vigo e Santiago Vigo polo momento
A Xunta de Galicia, ante a decisión de Renfe de suspender as conexións ferroviarias con orixe e chegada a Vigo sen dar alternativas aos viaxeiros, articulou reforzos por estrada neste tramo do eixo atlántico.
En concreto, xa se habilitaron reforzos entre A Coruña e Vigo ás 10:00 e ás 11:00 horas, así como no sentido contrario ás 10:45 horas, segundo explicou o Goberno galego nun comunicado.
Tamén se reforzaron os traxectos A Coruña- Vigo ás 13:00 horas, Santiago-Vigo ás 15:15 e ás 16:00 horas, e Vigo-Santiago ás 15:30, e non se descartan máis reforzos.
A directora xeral de Movilidad da Xunta, Judit Fontela, criticou que o Goberno central non ofrecese alternativas aos usuarios ante a suspensión das conexións ferroviarias, a pesar da excepcionalidade e complexidade da situación, e dixo que "é inaceptable" que Renfe deixase tirados aos seus usuarios sen alternativa".
Segundo Fontela, Renfe non pode anunciar unha suspensión indefinida sen ofrecer unha proposta, e espera que “rectifique” e que se continúa a suspensión leve aparellada unha alternativa por parte do Goberno central como autoridade competente