Publicador de contidos

Publicador de contidos

A neve complica a circulación na montaña de Ourense e Lugo: suspenden as clases en Pedrafita

A neve complica a circulación na montaña de Ourense e Lugo: suspenden as clases en Pedrafita

Seis estradas secundarias cortadas e noventa afectadas pola neve na montaña de Lugo

Un camión accidentado provoca o corte da A-52 á altura da Gudiña en dirección Vigo

Reabre a autovía entre Marín e Pontevedra, logo de ser cortada a primeira hora ao cadrar a preamar con abundantes precipitacións

A Xunta mantén activo o Plan Inungal e fai seguimento do caudal de 14 ríos

Na fotografía, unha imaxe de Maceda este martes. En directo, imaxe da DXT
G24.gal 03/02/2026 04:45 Última actualización 03/02/2026 22:57

As nevaradas continúan condicionando a circulación nalgunhas vías da montaña lucense e na provincia de Ourense, especialmente no caso dos vehículos pesados, aínda que non hai estradas principais cortadas.

Segundo informou a DXT, restrinxiuse a circulación de vehículos pesados na estrada LU-633, entre Pedrafita e Queixadoiro e na OU-536 entre Coruxas e Vilariño Pequeno. Nas devanditas vías, a velocidade está fixada en 60 Km/h.

Así mesmo, debido ás nevadas, estableceuse a prohibición de adiantamento en ambos os sentidos para os vehículos pesados en Lugo, na N-6, entre Pedrafita do Cebreiro e A Pía e na A-6, entre Pedrafita do Cebreiro e Doncos.

Tampouco poderán adiantar estes vehículos na A-52, en Ourense, entre San Lourenzo e A Canda.

A borrasca Leonardo segue afectando este martes a 43 estradas da rede viaria española, tres delas da rede principal, en concreto, a A-52 na Canda (Ourense), a A-6, en Combarros (León) e a A-1, en Carabias (Segovia), transitables con precaución, segundo informa a Xeral de Tráfico (DXT).

Sen clases en Pedrafita do Cebreiro

A neve que caeu desde primeira hora da mañá deixou sen clase este martes aos alumnos do CPI Uxío Novoneira, en Pedrafita do Cebreiro, segundo confirmou o alcalde deste municipio da Montaña de Lugo, José Luis Raposo Magdalena.

O alcalde precisou que “segue nevando a todo nevar” desde primeira hora da mañá, unha situación que afecta excesivamente as zonas altas do municipio, “que se atopan a altitude que oscila entre os 1.000 e os 1.400 metros”.

A Deputación de Lugo mantén cortadas este martes seis estradas provinciais, tres delas como consecuencia de inundacións provocadas polas copiosas precipitacións caídas durante a noite e esta mañá -a LU-P-3204, en Monforte; a LU-P-4703, na Pobra do Brollón, e a LU-P-0901, en Bóveda-, á vez que informa de que outras 90 vías están afectadas pola neve nos municipios da Montaña.

Segundo o parte de incidencias que comunicou a institución provincial aos medios de comunicación, continúan tamén afectados dúas pontes en Navia de Suarna e Muras, polo que o tráfico non pode pasar polo tramo vello da LU-P- 3501 nin á altura do quilómetro 22 da LU-P-6502.

A maiores, en Pedrafita do Cebreiro, a circulación pola LU-P-1301, que é a estrada que conecta este concello con Seoane do Courel, quedou interrompida á altura de Pacios pola caída dunha árbore.

Ademais, a circulación está a verse afectada en toda a rede provincial, dado que en determinadas zonas a cota de neve baixou ata os 500 metros.

En todo caso, a peor parte das nevaradas lévaa a comarca da Montaña, dado que en estradas de municipios como Baleira , Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil, Samos ou Triacastela chegaron a acumularse entre 10 e 20 centímetros de neve.

En Cervantes, os operarios rexistraron un espesor de neve de 25 centímetros nalgún punto.

Problemas na provincia de Ourense

Contra as nove da mañá, un camión de gran tonelaxe quedaba atravesado na autovía nunha zona en pendente á altura da Gudiña, cortando completamente o tráfico en ambos os dous carrís sentido Vigo, o que obrigou a desviar a circulación polo medio da vila.

"Cando empezou a nevar forte, fixo a tesoira e atravesou os dous carrís da autovía", explica un traballador da gasolineira da Gudiña.

A estrada de Trives foi a que deu máis problemas de tráfico, coa circulación interrompida para camións durante boa parte da mañá no alto do Rodicio. Os quitaneves traballaron durante toda a mañá pola estrada 536 e tamén polas de Montederramo e Chandrexa.

"A situación agora está máis ou menos controlada, pero a primeira hora había bastante neve. Pero é branda e está derretendo", sinala o condutor dunha máquina quitaneves.

As nevaradas retornan ás zonas máis altas da provincia de Ourense despois de escasos tres días de tregua. Un inverno duro pola sucesión de borrascas.

"Un inverno cru, dos que xa non viñan, pero estamos contentos porque isto para a natureza é moi bo", explica unha veciña da Gudiña.

O aviso de neve xa se levantou pero este mércores volve haber por chuvia

Novo corte na autovía entre Marín e Pontevedra

A choiva non dá un respiro e os problemas por acumulación de auga repítense por todo o territorio galego. Outra vez, a autovía que une Pontevedra e Marín, a PO-11, tivo que volver cortarse ao alagarse durante a preamar. A Garda Civil pechou os catro carrís, dous por cada sentido, por mor da auga que caeu. O tráfico enviouse pola estrada vella e outros desvíos que se habilitaron para evitar os atascos.

Pasadas as nove da mañá a autovía reabriuse. Os alagamentos nesa zona de Pontevedra tamén lles afectaron a algunhas rúas, como a de Fernando Olmedo. É a segunda inundación en menos dunha semana nesta zona que está preto do río Valdecorvos.

Galicia mantén en seguimento o caudal de 15 ríos por risco de inundacións

A Xunta mantén activo o Plan Especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), en fase de preemerxencia, e fai seguimento nestes momentos do caudal de 15 ríos.

Actualmente, os ríos que se atopan en vixilancia son, na provincia da Coruña: Mandeo (Coirós), Mero (Cambre), Barcés (Abegondo), Tambre (Oroso e Trazo) e Sar (Ames).

Na de Pontevedra: Gallo-Umia (Cuntis), Baixo-Umia (Ribadumia), Lérez (Pontevedra), Miñor (Gondomar), Cabeiro (Redondela).

Na provincia de Ourense: Támega (Oímbra), Arnoia (Baños de Molgas) e Avia (Ribadavia), Miño (Ourense, A Peroxa), Limia (Ponteliñares).

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior lembra a necesidade de adoptar as medidas preventivas correspondentes, así como de alertar ou mobilizar os medios e recursos dispoñibles en función da situación.

Aviso laranxa no mar

Ademais, Galicia está este martes en aviso de nivel laranxa por temporal marítimo, con ondas de ata 6 metros na Coruña e Pontevedra e ventos mariños de ata 61 quilómetros por hora.

Haberá chuvascos localmente fortes acompañados de sarabia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade