Cordeiro e cabrito, as carnes que máis soben para o Nadal
O cordeiro encareceu un 22 % con respecto ao ano pasado, segundo a OCU
Débese ao desabastecemento do mercado e á suba dos custos de produción
Comprar con antelación é unha das claves para aforrar na cesta da compra con vistas ao Nadal. Pero, a dúas semanas da Noiteboa, os que queiran cear cordeiro xa teñen que pagar un 22 por cento máis ca o ano pasado. E o cabrito aínda está máis caro.
"O cordeiro hoxe está a 15,90 euros o quilo, moito máis barato que o cabrito, que está a 22,90 o quilo", coméntalle unha vendedora da praza de abastos de Ourense á súa clienta. "Caro, moi caro. Sempre sobe, pero este ano está máis caro ca outros anos", sinala outra clienta.
As causas
O encarecemento da enerxía e das materias primas repercute nos prezos de venda ao consumidor. Tamén o desabastecemento do mercado.
"Na época da pandemia, moitos gandeiros víronse obrigados a sacrificaren cordeiros ao nacer. Antes, os galegos iamos a Castela buscar os cordeiros, e agora veñen os casteláns a Galicia buscar os cordeiros", explica Emilio González, carniceiro e presidente da praza de abastos de Ourense.
O cordeiro e o cabrito son, segundo os datos da OCU, as carnes que máis soben, pero tamén encareceu o pavo, un 8 %. Pola contra, baixan a tenreira e a pularda.