Continúan graves os catro bombeiros feridos nos incendios en Ourense
Segundo o último parte médico, o caso que máis preocupa é o do brigadista de 18 anos, que presenta queimaduras de terceiro grao no 40 % do seu corpo e intoxicación por inhalación de fume

Os tres brigadistas e o bombeiro feridos este luns durante os operativos de extinción dos incendios forestais en Ourense continúan ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña con prognóstico grave e moi grave.
Segundo o último parte médico facilitado polos servizos hospitalarios, o caso que máis preocupa é o do brigadista máis novo, de 18 anos, que presenta queimaduras de terceiro grao no 40 % do seu corpo e intoxicación por inhalación de fume. Está estable, pero o prognóstico é moi grave.
Outro dos brigadistas, de 23 anos, con prognóstico grave por queimaduras de segundo grao no 15 % do corpo e tamén con intoxicación por inhalación de fume, evoluciona favorablemente.
O terceiro deles, de 25 anos, está estable dentro da gravidade. Presenta queimaduras de segundo grao no 15 % do corpo e, como os seus compañeiros, intoxicación por inhalación de fume.
O último dos ingresados é un bombeiro de 46 anos que tamén está estable dentro da gravidade. Presenta queimaduras de segundo grao no 10 % do corpo e intoxicación por inhalación de fume.