Pedro Blanco asegura que o reforzo de medios irá aumentando "en función das necesidades"
O delegado do Goberno en Galicia insta a investir máis en prevención durante todo o ano
Pedro Blanco pide á Xunta que se sume ao Pacto de Estado fronte ao cambio climático
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou que o Goberno central está a poñer "todos os medios que son demandados pola administración autonómica" para facer fronte á vaga de incendios que afecta á comunidade.
Asegurou que a coordinación coa Xunta é constante e que “desde o minuto un a canle de comunicación co presidente Rueda é diaria e aberta”.
Blanco explicou que “todos os medios que se están solicitando se poñen a disposición de inmediato”, entre eles a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que opera na comunidade desde o 2 de agosto. Actualmente hai preto de 500 efectivos da UME despregados en Galicia, e agárdase a chegada de reforzos.
O delegado tamén informou da chegada de efectivos internacionais como parte da resposta europea contra o lume.
“Onte pola noite chegaron 26 efectivos de Finlandia, que se van incorporar baixo as directrices dos bombeiros, e tamén efectivos de Francia, que están xa distribuídos en diferentes focos activos”, afirmou.
“Traballamos cóbado con cóbado coa administración autonómica para combater estes incendios. A canle de comunicación co presidente Rueda é diaria e aberta”, destacou Blanco.
Subliñou tamén que, cando se solicitou a activación de 200 militares do Exército de Terra, foron incorporados en poucas horas.
"Nos atendemos as demandas con carácter inmediato, en canto solicitou a activación de 200 militares do exercito de terra en cuestión de horas se incorporaron. Estamos para remar todos xuntos e coidar das vidas e do noso", afirmou.
En canto ás tarefas de prevención, Pedro Blanco anunciou que o próximo Consello de Ministros declarará como zona catastrófica as áreas máis afectadas polos incendios. Ademais, reivindicou a importancia de investir durante todo o ano na prevención.
“Non é agora, en agosto, cando se deben facer os cortalumes. Iso ten que estar feito todo o ano”.
Nesa liña, o delegado instou ao presidente da Xunta a sumarse ao “gran Pacto de Estado contra a emerxencia climática” que propón o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. “É fundamental para Galicia, que conta cunha masa forestal tan grande e importante”, indicou.
En relación á investigación dos lumes, xa se contabilizan once persoas detidas e outras 24 investigadas.