Publicador de contidos
Publicador de contidos

Confirman o arquivo da causa pola desaparición dunha galega a bordo dun buque do CSIC

Confirman o arquivo da causa pola desaparición dunha galega a bordo dun buque do CSIC

A familia critica a decisión e estuda a interposición de novas demandas

G24.gal 02/04/2024 19:46

A Audiencia Provincial de Valencia confirmou o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Gandía, que decretaba o arquivo e sobresemento provisional da causa aberta pola desaparición en setembro pasado de María del Carmen Fernández, natural de Cangas, cando se atopaba a bordo do buque oceanográfico García del Cid, onde traballaba como persoal adscrito ao servizo de cociña.

O tribunal provincial desestimou o recurso interposto pola familia da desaparecida contra a resolución do pasado mes de febreiro do xulgado de Gandía e confirmou o arquivo da causa.

A resolución é firme e contra a mesma non cabe recurso ningún.

Con todo, os familiares de María del Carmen Fernández criticaron esta decisión, asegurando que o caso se pechou "sen que se practicase ningunha dilixencia xudicial, conforme unicamente ao atestado e ás probas remitidas pola Garda Civil, que consisten na inspección do buque e toma de declaración ao capitán, tres compañeiros de traballo e ao marido da desaparecida".

En concreto, o portavoz da familia, o avogado Diego Leis, indicou que os seus achegados entenden que as dilixencias practicadas foron "insuficientes" para coñecer os feitos ocorridos no barco no momento da desaparición.

Por iso, segundo adiantou, están a estudar a interposición de novas demandas a fin de coñecer o ocorrido e de depurar posibles responsabilidades.

A desaparición de Carmen Fernández foi notificada pola propia tripulación do barco a Salvamento Marítimo o 10 de setembro de 2023, cando os seus compañeiros a botaron en falta. Aínda que se iniciou un dispositivo de procura, non se localizou o seu corpo.

Dáse a circunstancia de que Carmen denunciara no pasado por acoso un compañeiro de tripulación (o caso arquivouse en 2019) e mesmo solicitara o seu traslado a outro barco para non coincidir con esa persoa.

Antes de partir para a viaxe en que desapareceu, Carmen coincidiu con ese compañeiro en porto, pero o home non chegou a embarcar por motivos de saúde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar