A exparella da muller que apareceu decapitada nunha praia de Marbella confesa o crime
O xuíz decreta prisión sen fianza para o agresor
A vítima é unha muller colombiana que apareceu na praia decapitada e sen mans o domingo pasado
En relación a este crime tamén está detido un amigo do agresor

O Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Marbella acordou este xoves o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do home detido por matar e despezar a súa exparella.
A muller tiña 46 anos. O seu corpo apareceu mutilado aboiando nunha praia da vila.
O home confesou o asasinato. Os investigadores realizaron unha reconstrución dos feitos nun enclave da costa marbellí, onde, segundo declaracións do autor confeso, acabou coa vida da exparella e lanzou o seu corpo mutilado ao mar.
A vítima é unha muller colombiana, cuxa desaparición denunciara a familia. Esta vítima convértese na quinta muller asasinada no que levamos de ano, catro delas polas súas parellas ou exparellas.
A policía dá así por esclarecido o caso, polo que se arrestou tamén a unha segunda persoa, un amigo do agresor.